Escoita Radio Melide en directo:

Radio Melide ten emisión de mañá e tarde. Os directos son dende as 10.00 e ata as 14.00 horas. Xa polas tardes, a programación esténdese entre as 16.00 e as 19.00 horas.

Polas mañás ofrécese diariamente, na primeira hora de emisión, unha hora de información, primeiro coa lectura dos titulares dos principais xornais galegos (La Voz de Galicia, El Progreso, El Correo Gallego) nacionais (El País, El Mundo e El Economista) e deportivos (Marca e As). Despois do repaso das novas, chega o informativo local coas novas de actualidade da nosa vila e tamén a nivel comarcal. O bloque informativo remata coas notas necrolóxicas e a previsión do tempo.

Na segunda hora en directo, que vai dende as 11.00 ata as 12.00 horas, é tempo para as seccións e entrevistas. Os luns adícase ao deporte local e para a sección Mellorando o Presente, na que o noso colaborador José Antonio Varela, explica diferentes pautas para ser feliz e remedios naturais para unha mellor calidade de vida.

Os martes a sección é a do Emprego. Nela a orientadora laboral do Concello de Melide, María José Ferro, fala das últimas novas en materia de emprego, coma subvencións, cursos, talleres, ofertas e demandas de emprego no municipio, etc...

Os mércores chega a Ronda polos Concellos Veciños, na que contactamos cos diferentes colaboradores dos concellos que lindan con Melide. Eles cóntannos a súa actualidade máis inmediata: Toques, Santiso, Arzúa, Boimorto, Sobrado dos Monxes, Vila de Cruces e Palas de Rei. Radio Melide

Os xoves chega o espazo das subvencións en Radio Melide, onde se lle informa á audiencia das axudas e subvencións vixentes e que poden solicitar. Tamén se lles informa a onde poden acudir dentro do noso concello para recibiren máis información e solicitalas.

O venres a sección dos deportes repasa os acontecementos deportivos en Melide e Comarca para a fin de semana, dando paso sobre ás 11.20h a Axenda Fin de Semana. Aquí repasamos as actividades, concertos, eventos e diferentes programacións de diversas salas de Melide e da súa bisbarra.

Os espazos que quedan sen cubrir, dos martes e dos xoves, entre 11.20 e 12.00 horas, énchense con entrevistas de actualidade, dependendo o momento do ano no que esteamos, e as novas que se coñezan no día a día. Entrevistas a expertos, médicos, responsables de diferentes empresas, protagonistas de diferentes novas, sempre e cando sexan noticia en Melide ou temas de actualidade que inflúan directamente nos nosos veciños e veciñas. Radio Melide

Tódolos días ás 11.00 e ás 12.00 horas conéctase coa Radio Galega, co boletín informativo, para coñecer as novas de actualidade de carácter autonómico, nacional e internacional. Xa ás 12.15h damos paso a un concurso radiofónico, en colaboración coa Asociación de Empresarios melidense, ASETEM, onde cada mes, un comercio é o protagonista e agasalla a audiencia.

O espazo de cancións adicadas, chega diariamente ás 12.30 horas. É un tempo onde os oíntes chaman á radio para poñer temas musicais aos seus familiares, amigos etc..., ou simplemente cancións que lles apetece escoitar.

Ás 13.00 horas volta o informativo local, seguido das notas necrolóxicas e a previsión do tempo. Ata as 14.00 horas, que remata a emisión, repásase a sección do Mercadillo (venda e compra de produtos, obxectos perdidos e atopados, agasallo de produtos, etc.) e os Avisos (recordatorio de reunións, xornadas, eventos, etc...).

Pola tarde, na emisora ofrécese un programa magacine en directo de tres horas de duración no que aparecen reflexados os acontecementos de Melide e a súa comarca, ademais doutros contidos de interés. Así, a través de entrevistas os invitados no estudio ou telefónicamente achegan ós oíntes información importante e cercana que non aparece noutros medios de comunicación.

Nese programa, A Tarde en Melide, emítese sempre un informativo local feito na propia emisora que inclúe a predición meteorolóxica e as notas necrolóxicas da xornada. Conta tamén cunha parte lúdica que ven da man das seccións dos nosos colaboradores: Ana Perteagudo, farmacéutica, trata temas propios da súa profesión. Álex Porto é o encargado de achegar a música máis descoñecida. Sons coma o jazz, o soul ou a bossa nova chegan ós oíntes acompañados de moita información dos seus intérpretes.

Luz Pardo é a encargada da alimentación, nutrición e preparación de alimentos e que permite ademais chamadas dos oíntes en directo para solventar dúbidas. Sonia Sánchez colabora informando a toda a mocidade de cursos, ofertas de emprego e outras iniciativas que ofrece a Dirección Xeral de Xuventude.

E tamén os voceiros políticos con representación no concello, teñen o seu espazo para repasar actualidade municipal e propostas dos seus grupos no goberno de Melide. Por suposto, o tecido empresarial do pobo, a través das súas asociacións cede premios para que no programa poidamos facer un concurso e completar así as tardes de programa.

A educación é outra das propostas que achegamos grazas á colaboración imprescindible das sicólogas do IES da vila, a través na nosa particular escola de pais na que reflexamos as inquedanzas de toda a comunidade escolar. Tamén ofrecemos diariamente un servizo de oferta de bens e servizos chamado mercadiño, no que calquer oínte pode vender, comprar, intercambiar ou solicitar o que desexe.

E, por suposto música, actual e do recordo, con peticións da audiencia que axudan a completar unha programación na que se aboga por informar e entreter a traveś do noso punto do dial.

Se queres contactar connosco, podes chamarnos ao 981 505 627 ou enviarnos un correo electrónico a radiomelide@concellodemelide.gal.