Emprego

O Concello de Melide centra os seus esforzos en poñer en marcha medidas que fomenten a creación de postos de traballo dentro do municipio. Un alicerce fundamental para a creación de postos de traballo é polígono industrial da Madanela, ao que recentemente se sumou a creación dun Viveiro de empresas, dirixido aos emprendedores melidáns e da bisbarra.


Viveiro de Empresas de Melide

O Edificio Multiusos de Melide, localizado na Praza das Universidades) acolle dende finais de outubro de 2016 o primeiro Viveiro de Empresas de Melide. As obras de habilitación deste espazo para emprendedores foi posible a través dun investimento de 110.000 euros (un 88% de Feder a través de Incyde e un 12% do Concello de Melide e a Deputación da Coruña).

O Viveiro de Empresas de Melide conta cunha superficie útil de 241 metros cadrados. Dispón de cinco despachos e unha sala común de reunións, unha aula de formación con capacidade para 21 alumnos, área de descanso, aseos e zonas comúns, incluíndo mantemento, limpeza de zonas comúns, luz e acceso á internet.

Desde Melide darase cobertura aos concellos da comarca Terra de Melide (Toques, Santiso e Sobrado dos Monxes) e aos limítrofes de Arzúa, Boimorto e Vilasantar. Na súa apertura foron dous os emprendedores que presentaron a súa proposta para instalarse na incubadora con proxectos de novas tecnoloxías e fotografía. Todas as solicitudes son avaliadas por unha comisión de selección de proxectos.

Dende a Cámara de Comercio de Santiago poñen a disposición de todos os emprendedores que se instalen no Viveiro de Empresas de Melide a súa metodoloxía e experiencia contrastada. Así, ademais de dar acollida física a novos proxectos empresariais con condicións económicas ventaxosas na súa estancia, ofrecer acompañamento empresarial, formación, titorización, consultoría, networking, mentorización e asesoramento especializado segundo as necesidades de cada proxecto.

Para aquelas persoas interesadas en instalarse no Viveiro de Empresas de Melide, poden descargar o PDF da ordenanza municipal sobre esta instalación. Nos anexos, inclúense os escritos que se deberán cumprimentar, así como a documentación que se deberá entregar para realizar a solicitude do espazo.