Instalacións municipais - Benestar Social
- Centro Social
O Centro Social de Melide é a sede dos servizos sociais do concello. Coñecido tamén como Centro do Castelo, pola súa ubicación camiño desta zona, este centro convértese a diario nun punto de encontro para persoas de todas as idades, que teñen neste centro unha ampla oferta de actividades e servizos.
O Centro Social réxese por un sistema de persoas socias a efectos de contacto, mais sen ningún tipo de cota nin custo económico. De xeito continuado, o Concello de Melide pon a disposición dos/as socios/as do centro profesionais especializados no bo desenvolvemento dos servizos sociais:
- Unha educadora familiar
- Dous asistentes sociais
- Unha avogada e unha psicóloga integradas no CIM (Centro de Información á Muller)
- Pensadas especialmente para as persoas da terceira idade, ao Centro Social de Melide acoden cada día numerosas persoas de Melide e a súa comarca, a participar nalgunha das diversas actividades programadas polo centro. Entre elas destacamos as seguintes:
- Cursos de mantemento, ximnasia e saúde
- Viaxes e excursións organizadas
- Xogos de mesa, campionatos
- Cursos de informática para maiores, manualidades, primeiros auxilios, sesións de baile e confraternización
- Centro de Información á Muller (CIM)
O Centro de Información á Muller é un servizo público e de balde do Concello de Melide, a disposición de todas as mulleres, que ten por obxectivo ofrecer apoio e asesoramento aos seus problemas. Nas súas instalacións ofrecen os seus servizos tres profesionais: unha psicóloga, unha avogada e unha auxiliar.
Son moitas as iniciativas que se realizan dende o CIM durante todo o ano. Desenvólvense principalmente actividades coeducativas que dende o departamento se levan a cabo nos tres Colexios de Educación Infantil e Primaria da zona e tamén no Instituto de Educación Secundaria. Entre elas, cómpre mencionar os obradoiros de diferente tipo e temática co fin de concienciar aos máis novos da importancia de crear valores en igualdade, e co fin de facer, deste xeito, unha sociedade máis xusta e igualitaria.
O persoal técnico do CIM tamén se encarga da coordinación da Mesa de Coordinación contra a Violencia de Xénero do Concello de Melide. Consulta todos os detalles deste ente premendo no enlace.
As funcións do CIM son, entre outras, as seguintes:- Informa sobre:
- Creación de asociacións (de mulleres rurais, empresarias...), apoio ás que existen, subvencións e coordinación entre elas.
- Subvencións para crear e mellorar empresas creadas por mulleres.
- Programas para mulleres desfavorecidas.
- Casas de acollida, centros de planificación familiar, familias de acollida.
- Cursos, conferencias, encontros, xornadas, seminarios, congresos e actividades que interesen ás mulleres en xeral.
- Oposicións, estudos, bolsas de emprego.
- Actividades de tempo libre, ofertas e demandas de emprego público e privado.
- Recursos e servizos sociais.
- Actuacións doutros organismos.
- Orienta en casos de:
- Preparación para entrevistas de traballo.
- Mediación familiar: malos tratos, abandono do fogar, infidelidade.
- Intervención psicolóxica en agresións, abusos sexuais, acoso sexual, etc.
- Interrupción do embarazo e adopcións.
- Dependencias: alcoholismo, drogadición, ludopatía.
- Asesora e apoia no eido xurídico-legal en:
- Trámites de procedemento de xustiza gratuíta para conseguir avogado e procurador de oficio.
- Ameazas, agresións de diferente índole e a súa denuncia.
- Separación matrimonial: o convenio regulador, vivenda conxugal, bens adquiridos durante o matrimonio, contribución ás cargas familiares.
- Sentencias incumpridas: impago das pensións alimenticias aos fillos/as.
- Dereitos das traballadoras, baixas laborais, protección da maternidade e paternidade.
- Horario
- Directora: de luns a venres, de 09:00 a 15:00h
- Psicóloga: luns de 11:00 a 14:00h e mércores de 15:30 a 18:30h
- Asesora xurídica: martes de 10:00 a 14:00h e xoves de15:00 a 17:00h
- Informa sobre:
- Fogar Residencial para Maiores, Centro de día e Vivendas Comunitarias
Incluído dentro do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar este centro aúna o propio fogar residencial, un centro de día e vivendas comunitarias. A última ampliación das instalacións finalizou no verán de 2016. O persoal que se ocupa de todo o complexo está composto por 18 xerocultoras, 10 profesionais de persoal de apoio e 6 técnicos (dirección, traballadora social, sicóloga, enfermeira, educadora social e terapeuta ocupacional). No tocante ás prazas, o centro residencial ten arestora as súas 30 prazas (todas de dependencia) ocupadas.
- Centro de día
Dentro das instalacións do Fogar Residencial para Maiores, tamén se ofrecen os servizos do centro de día para un total de 39 persoas de Melide e a súa contorna. Na actualidade, 28 das prazas están ocupadas (todas de dependencia), quedando libres outras 11.
- Vivendas comunitarias
O Concello de Melide ten en funcionamento un sistema alternativo de servizos sociais para as persoas que non sendo dependentes, pola súa situación, non poden vivir soas. Trátase do servizo ofrecido nas chamadas Vivendas Comunitarias. Son un grupo de vivendas que ofertan un total de 19 prazas, das cales 17 están ocupadas (8 de dependencia con grao I e o resto de libre concurrencia), quedando 2 libres. Nestas vivendas residen, de xeito independente, persoas anciás, que reciben os servizos de varias auxiliares do Concello para o desenvolvemento das tarefas domésticas cotiás: preparar a comida, limpeza do fogar, roupa, etc. Estas vivendas forman parte do edificio do Fogar Residencial para Maiores.
- Centro de día
- Axuda a domicilio
O servizo de axuda a domicilio do Concello de Melide é unha man tendida para que as persoas que teñen limitada a súa autonomía persoal e a capacidade de relación social teñan na administración local unha vía de colaboración.
A través do Concello de Melide, poden solicitar este servizo as persoas que polas súas circunstancias sociais ou de saúde precisen axuda asistencial para cubriren as súas necesidades básicas de alimentación, hixiene persoal, labores domésticos, relación social ou acompañamento dentro ou fóra do domicilio. A concesión do servizo réxese por dous criterios fundamentais: a mobilidade da persoa, e os seus recursos económicos, de xeito que canto maior sexa a necesidade económica e o grao de dependencia, maior será a posibilidade de recibir esta axuda.
Quen pode solicitar o servizo de axuda a domicilio?
Poderán ser usuarios do servizo de atención a domicilio:- Familias ou persoas que presenten disfuncións ou grave risco de padecelas.
- Familias con persoas anciáns, minusválidas ou enfermas crónicas ao seu coidado, que necesiten apoio para a súa atención.
- Persoas maiores, minusválidas ou incapacitadas que conten con certo nivel de dependencia e que non teñan a ninguén que os atenda suficientemente.
- Menores no caso de ausencia dos/as pais/nais, ou cando por problemas transitorios non poidan exercer as súas funcións.
- Centro Ocupacional
Ao Centro Ocupacional de Melide asisten homes e mulleres con deficiencias de tipo psicomotórico e sensoriais, de diversas características madurativas e de organización cognitiva. Na actualidade, conta con 13 alumnos e alumnas de diferentes idades e patoloxías tanto físicas como psíquicas. Todos eles asisten ás actividades en horario de 09.00 a 13.30 horas de luns a venres. Son varias as disciplinas que se imparten no centro de xeito anual coma música, cociña, informática, alfabetización, obradoiros de diverso tipo ou natación.
Os usuarios e usuarias realizan un sinfín de actividades tanto na propia aula coma fóra, participando en cada evento que se organiza dende o Concello. Entre eles atópanse a Festa do Melindre e da Repostaría Tradicional, a colocación do tradicional Belén na Igrexa parroquial, a presentación no concurso de Entroido... - Escola Infantil Municipal de Melide
A Escola Infantil Municipal de Melide iniciou a súa andaina no ano 1997, con catro aulas. Nos seguintes anos, a demanda foise incrementando, polo que se fixo precisa unha ampliación do centro que pasaría a contar con seis unidades educativas. Na actualidade, este centro ten funcionando dúas unidades cun total de 30 usuarios. O persoal co que conta son catro traballadoras, unha directora, unha mestra, unha educadora e un persoal de apoio.
Ademais dos propios coidados que se lle dan aos meniños como aseo, alimentación ou descanso, tamén se desenvolven unha serie de actividades educativas para fomentar o seu proceso de aprendizaxe e socialización en todas as súas dimensións a través do xogo, do descubrimento...
- Escola Infantil 'As Granxas' de Melide.
A Escola Infantil ‘As Granxas’ de Melide foi inaugurada o pasado 16 de marzo de 2015. O centro está integrado na Rede de Escolas Infantís de Galicia ‘A Galiña Azul’, xestionadas polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, dependentes da Consellería de Política Social. A escola foi construída grazas á financiación da Fundación Amancio Ortega, en colaboración co Concello e coa Xunta. Trátase dunha construción moderna, cunha capacidade de 61 prazas das que 56 se atopan actualmente cubertas e con lista de agarda, debido aos agrupamentos existentes.
Así, a escola infantil conta con 9 cativos de 0 a 2 anos; con 13 alumnos no grupo de 1 a 2 anos; con 19 no grupo de 2 a 3 anos, e con 14 no agrupamento de 0 a 3 anos. O persoal do centro está formado por 4 mestras, unha delas coa función de dirección, 4 educadores e un persoal de apoio. A Escola Infantil abre 11 meses ao ano, agás no mes de agosto que é o período vacacional para os cativos e cativas e tamén para o persoal. O horario de apertura é de 08.00 a 17.30 horas de luns a venres. Pecha ás 15.00 horas o día 5 de xaneiro e o Martes de Entroido.Unha das meirandes vantaxes que ten é a oferta de servizo de comedor, comida e merenda, con cociña propia na escola. A empresa Airas Catering é a encargada do seu funcionamento.
Ademais dos labores propios de coidado dos meniños e meniñas, ofrécense actividades nas que os alumnos e alumnas son os protagonistas da súa aprendizaxe a través dun proceso activo de construción, experimentación e investigación. Deste xeito, poténciase que se sintan aceptados e valorados como persoas, tendo en conta a súa diversidade e as súas características e necesidades psicoevolutivas e individuais, tentando favorecer o interese e a curiosidade pola súa propia contorna física, social e cultural. Neste senso, dende a Escola Infantil ‘As Granxas’ de Melide buscan avanzar na construción da autonomía, autoconcepto e autoestima dos cativos e cativas, procurando un clima de seguridade afectiva.
Así mesmo, considérase moi importante a implicación das familias na vida deste centro educativo. Por iso, promóvense obradoiros de participación activa, así como canles e espazos para o intercambio de comunicación mutua entre pais e nais cos seus fillos e fillas. - Edificio Multiusos de Melide
Localizado na Praza das Universidades, o Edificio Multiusos de Melide dispón dunhas amplas instalacións onde se concentran multitude de servizos para os veciños. Entre eles cómpre salientar o Conservatorio de Música de Grao Medio de Melide, a Aula CeMIT de Melide, a Biblioteca Pública Municipal de Melide, unha sala de mostras, varias aulas multiusos, un salón de actos e tamén o recentemente aberto viveiro de empresas de Melide.
Así, neste edificio municipal aúnanse todo tipo de servizos, que tamén se complementan coas oficinas municipais de xestión do servizo de augas e, na parte de atrás do inmoble, cun local de ensaio. Un espazo multifuncional no que os veciños e veciñas poden desenvolver e participar en todo tipo de actividades.
- Pazo de Congresos e Exposicións de Melide
Localizado na rúa Miguel Ferro Caaveiro, trátase dun espazo multifuncional que alberga no seu interior o primeiro parque infantil municipal cuberto, dotado con todo tipo de xogos para os máis cativos. Ademais, dispón dunha superficie o suficientemente extensa coma para se poder desenvolver nela iniciativas coma a feira de saldos Mercamelide. Complétanse as instalacións cunhas pistas de pádel cubertas.