- Novas
- Axenda
- Perfil de contratante
- Convocatorias
- Avisos e bandos
- Ordenanzas
- Melide en imaxes
- Facturación electrónica
- Pago provedores
Novas
Máis novas do Concello de Melide
Preto dun centenar de nenos participan nos Campamentos Urbanos do Concello de Melide
Os Campamentos Urbanos están organizados pola Concellería de Igualdade e Benestar do Concello de Melide co obxetivo de facilitar a conciliación familiar e laboral nos meses do verán. Os Campamentos Urbanos divídense en dúas modalidades: os deportivos e os lúdicos.
A presente semana, os Campamentos Urbanos do Concello de Melide contaron cunha matrícula de 98 rapaces e rapazas. Dende a concellería de Igualdade e Benestar do Concello de Melide, adiantan que “para as vindeiras semanas xa a matrícula supera os cen inscritos”, a concelleira de área María Jesús López Mourón, explicaba que “levamos anos organizando os Campamentos Urbanos no noso concello, é algo que nos demandan as familias e é unha ferramenta que tamén queremos ofrecer á veciñanza para mellorar a conciliación da vida laboral e familiar, nun meses nos que todos sabemos que os rapaces teñen moitas vacacións e ás veces aos máis maiores resúltanos complicado ter tantos días libres”.
Campamentos lúdicos e deportivos
Os Campamentos Urbanos do Concello de Melide este ano divídense en dúas categorías: por unha banda os Campamentos Lúdicos, para nenos e nenas con idades comprendidas entre os 3 e 15 anos nas que as actividades se centran nas artes creativas tales como a música, as manualidades, as visitas á radio, teatro, talleres de emocións, etc... Por outra banda, ofrécese a alternativa dos Campamentos Deportivos, onde as actividades están dirixidas a nenos e nenas con idades comprendidas entre os 8 e 15 anos e que brindan a oportunidade aos máis cativos de coñecer diferentes deportes e realizar actividade física nas vacacións de verán. Este campus deportivo, pretende evitar o sedentarismo e fomentar os valores asociados ao deporte como a convivencia, a tolerancia e a vida saudable.
Inscrición
Ao Campamento Urbano do Concello de Melide poden acudir nenos e nenas con idades comprendidas entre os 3 e os 15 anos. A inscrición ten que realizarse na secretaría xeral do Concello de Melide e o prazo está aberta ata a última semana do campamento, coincidindo coa semana do 7 de agosto. O prezo é de 15,50 euros para as semanas que coinciden todos os días laborais e de 12,40 euros para aquelas semanas nas que existen algún festivo e só se ofrece o servizo durante 4 días. Contémplanse descontos para as familias que inscriban nos Campamentos Urbanos a máis dun fillo ou filla.