Parroquias

O concello de Melide está integrado por vinte e seis parroquias e conta, segundo o último censo poblacional, cun total de 7.654. O casco urbano atópase na parroquia de San Pedro de Melide, e nas demais parroquias debúxase un variado mapa en canto a extensión e número de habitantes, malia que predominan os núcleos pequenos.

As políticas do actual goberno mostran unha especial sensibilidade co eido rural do municipio, que precisa dunha atención constante e un arroupo equiparable ao do núcleo urbano, a fin de rematar coas históricas diferenzas entre as condicións de vida das zonas rurais e as urbanas.

As vinte e seis parroquias de Melide teñen nesta web un recuncho propio. Achégate a coñecelas.


Abeancos (San Cosme)

Foto Parroquia

Poboación: 105 habitantes. Día da festa: San Cosme.

Lugares: Eirexe, Jardín, Lamelas, O Mesón, O Real, Ribas, Romeao, Segade, Sobradelo, Traspedra e Vilela.

Atópase na parroquia de San Cosme de Abeancos a Casa Grande de Traspedra, que ten o tornarratos corrido, de rodo, e tres estremas, das que a última delas está modificada, xa que a orixinal levouse para Moldes por cuestión de herdanza. A casa conserva o escudo do ano 1845, coas iniciais BR de Bernardo Rodríguez, fillo de Manuel Rodríguez, autor do escudo. O castro de San Cosme foi reformado non hai moitos anos, facendo na súa croa un cemiterio e un campo da festa con palco para a música.


Abeancos (San Salvador)

Foto Parroquia

Poboación: 160 habitantes. Día da festa: San Salvador.

Lugares: Andeán, As Barreiras, Castro, Compostela, Curutelo, Eirexe, O Feal, Goxán Grande, Goxán Pequeno, Guillar, Pereiras, Requeixo, Sucarreira, A Veiga e Zaramil.

A parroquia de Abeancos atópase situada no leste do Concello de Melide, e está formado por quince parroquias. Antigamente existía en Abeancos un castro, cuxa muralla foi demolida nos anos 70 por unha escavadora. O traballo do Museo Terra de Melide fixo posible que hoxe se conserven algúns anacos de cerámica que tiña en Abeancos a súa orixe. A parroquia é moi coñecida como San Salvador de Abeancos.


Agrón (Santa Eulalia)

Foto Parroquia

Poboación: 65 habitantes. Día da festa: Santa Eulalia.

Lugares:Cepelos, Corral do Medio, Eirexe, Lamelas, Saville e O Vilar.

A igrexa de Santalla de Agrón data do século XIX. Nesta parroquia hai un conxunto de muíños coñecidos como Muíños de Pela, que non teñen actividade, formado por nove muíños que se concentran nuns 300 metros cadrados.


Ánxeles (Os) (Santa María)

Foto Parroquia

Poboación: 507 habitantes. Día da festa: Os Ánxeles.

Lugares: Os Ánxeles, O Castiñeiro, Corbelle, O Forte Novo, O Forte Vello, Garceiras, O Mascaño, Penacova, O Ribeiro, Teixín e Vilanova.

Na parroquia dos Ánxeles atópase un hórreo con pés de columnas oitavadas. Unha das súas parroquias, Garceiras, é o berce da familia de gaiteiros do mesmo nome, que acadaron sona mundial pola arte que tiñan con este instrumento que sempre marcou a personalidade de Melide.


Baltar (Santiago)

Foto Parroquia

Poboación: 56 habitantes. Día da festa: Santiago.

Lugares: Baltar, Eirexe, A Fungueirada, O Picho, Piñeiros e O Ribeiro.

Na parroquia de Baltar, situada ao norte do Concello, atópase un reloxo de sol, o único que hai no Concello, xunto co de Folladela. A antiga escola de Baltar, un fermoso edificio de mampostaría nos perfís, atópase no medio dunha carballeira, e está a ser escenario para a gravación da serie Libro de familia, da Televisión de Galicia.


Barreiro (San Mamed)

Foto Parroquia

Poboación: 97 habitantes.

Lugares: Barreiro de Arriba, Barreiro de Abaixo, Castelo, O Mato, Parabispo, O Raído e Riocovo.

Atópase no oeste de Melide, e rexistra a diario un bo número de peregrinos debido ao paso do Camiño de Santiago.


Campos (Santa María)

Foto Parroquia

Poboación: 103 habitantes. Día da festa: Santa María.

Lugares: Alvite, Outeiro, Cabazás, O Casal, A Costa, A Florida, Gudín, San Lourenzo e A Veiga.

O campo da festa de Campos está flanqueado por unha fermosa carballeira. A carón da igrexa atopamos un cruceiro do século XVII que foi pintado no ano 1886 e reedificado no ano 1794. Tamén esta parroquia foi outrora terra de castros.


Castro (Santo Tomé)

Foto Parroquia

Poboación: 53 habitantes. Día da festa: o Santo Tomé.

Lugares: Casanova, Castro, As Cazallas e Trasmundi.

É habitual a confusión entre esta parroquia e a parroquia de San Cibrao. O núcleo máis grande destas dúas parroquias é o das Cazallas, que con frecuencia se asocia ao nome da parroquia.


Folladela (San Pedro)

Foto Parroquia

Poboación: 105 habitantes. Día da festa: San Pedro e O Pilar.

Lugares: Campolongo, Casanova, Chapelín, Anduriña, Eirexe, As Figueiras, Fontexoan, O Foro, Guende, Marcoraos de Abaixo, Marcoraos de Arriba, A Pena e O Porto.

Na parroquia de Folladela atópase o punto máis alto da provincia da Coruña, o Coto do Pilar, ou da Anduriña, de 803 metros de altura, formando parte da Serra do Bocelo. A nivel de arquitectura relixiosa, cómpre destacar a igrexa con cruceiro do século XVIII. Na fachada da igrexa hai un sillar ladeado na esquina, que ten gravado un reloxo de sol, dos poucos que hai en Melide. Tamén hai nesta parroquia casas grandes, coma a Casa Grande das Figueiras, con capela do século XVIII, e tamén hórreo, pombal e tres escudos.


Furelos (San Juan)

Foto Parroquia

Poboación: 195 habitantes. Día da festa: San Xoán.

Lugares: Furelos, Petos, Piñor e Vilanova.

Falar de Furelos é falar de Camiño de Santiago e de aproveitamento paisaxístico. Furelos colle o seu nome do río que a atravesa, e onde se atopa unha área recreativa de grande afluencia no verán. Tamén o Camiño deixa cada día a súa pegada nesta parroquia, que conserva un dos tesouros patrimónicos da arquitectura civil do concello e de todo o Camiño de Santiago: a ponte medieval, do século XII.


Golán (San Juan)

Foto Parroquia

Poboación: 53 habitantes. Día da festa: San Xoán.

Lugares: O Campo da Capela, Casanova, Mundín, Outeiro e A Uceira.

A parroquia de San Xoán de Golán ten unha igrexa de estilo románico do século XIII. No Campo da Capela está a Casa de Calderón, que tiña capela, e que foi derruída non hai moitos anos. Hoxe esta casa está restaurada.


Gondollín (San Martín)

Foto Parroquia

Poboación: 95 habitantes. Día da festa: San Martiño.

Lugares: A Garea, Gondollín, Lourés e Tabeira.

O núcleo máis importante desta parroquia é A Garea. A igrexa parroquial de Gondollín atópase ao lado da estrada e, fronte a ela, está o cruceiro, de fuste estriado e capitel corintio, con base de atributos da paixón e que segundo algúns autores pode ser do ano 1683.


Grobas (Santa María)

Foto Parroquia

Poboación: 40 habitantes. Día da festa: Santa María.

Lugares: Cuíña de Abaixo, Cuíña de Arriba, O Formigueiro e Grobas.

Na parroquia de Santa María de Grobas existiu un castelo da mitra compostelá , do que aínda se descoñece case todo. Na carballeira de Grobas hai unha capela, construída a comezos de século polas misións dos Padres Pasionistas de Melide, e na que se celebran as funcións pola festa da Santa Cruz. A Casa Grande dos Grobas é da familia Salgado, ten unha planta rectangular con patio pechado, muro e portada. Destaca no conxunto desta construción o hórreo de 7 estremas, das cales 3 foron engadidas nunha segunda fase.


Leboreiro (Santa María)

Foto Parroquia

Poboación: 71 habitantes. Día da festa: Santa María.

Lugares: O Coto, Desicabo e O Leboreiro.

A aldea do Leboreiro é en si mesma un recuncho turístico imprescindible do Concello de Melide, arco de entrada do Camiño Francés no noso concello. O seu nome procede do antigo Campus Leporarius (monte de lebres) calixtino, doado por Fernando II ao mosteiro de Sobrado no ano 1185.


Maceda (San Pedro)

Foto Parroquia

Poboación: 134 habitantes. Día da festa: San Pedro e San Lorenzo.

Lugares: Casal, Casalmeao, Casas Novas, Castiñeiroa, Donide, O Lubeiro, Maceda, Marrás, Paraños, Pardiñeiros, A Penela, Piñeiros e A Vila.

Hai en Maceda restos de castros aínda sen estudar. Destacan os de Donide, Marrás e Paraños. A aldea de Castiñeiroa é en si mesma un conxunto arquitectónico moi fermoso, feito en pedra, que conserva aínda hoxe a estampa das construcións populares e autóctonas do noso País. A igrexa de San Pedro de Maceda é do século XIX.


Meire (Santiago)

Foto Parroquia

Poboación: 36 habitantes. Día da festa: Santiago.

Lugares: Castro, A Graña, O Meire e Penagundín.

O Meire é o recuncho natural máis característico de Melide, en canto a diversidade na vexetación. Nesta parroquia atópase en abundancia a santolina melidense, unha planta endémica de Melide que está sendo protexida. O Meire atópase a carón da Serra do Careón, incluído na Rede Natura. Non é difícil logo pensar que dende esta parroquia se poden tomar fermosas vistas da Gándara da Madanela de Melide. Tamén atopamos no Meire a Pena do Raposo, unha paraxe con restos megalíticos, e do que xa falaba Florentino López Cuevillas no libro Prehistoria de Melide no ano 1933.


Melide (San Pedro)

Foto Parroquia

Poboación: 4.678 habitantes. Día da festa: Pedro.

Lugares: Melide.

A parroquia de San Pedro de Melide é o núcleo urbano do concello. Hoxe a vila está en constante crecemento. O paso do Camiño Francés, que se cruza na vila co Camiño Primitivo, trae cada día a Melide a centos de peregrinos. A intensa actividade comercial do concello céntrase na vila, que celebra cada último domingo de mes a súa Feira. A Feira de Melide -especialmente de gando vacún- foi durante moitos anos unha referencia das feiras de gando galegas, mantendo aínda hoxe un lugar preferente logo de Santiago e Silleda, polas elevadas transacións económicas que implica. A outros niveis, a vila é tamén un tesouro do patrimonio, no que destaca de forma preferente o cruceiro máis antigo de Galicia, catalogado así polo propio Castelao no seu As cruces de pedra na Galiza. E non se pode pasar pola vila sen deixarse seducir polo recendo e o sabor da súa repostería tradicional. Melide terra doce é un dos lemas do concello, acuñado pola valía e significado dos seus melindres, amendoados e ricos, estes últimos produtos exclusivos desta vila do interior galego, e que se realizan artesanalmente en varios fornos de San Pedro de Melide.


Melide (Santa María)

Foto Parroquia

Poboación: 209 habitantes. Día da festa: Santa María e As Neves (5 de agosto).

Lugares: O Carballal, Catasol, Madorra, Montecelo, Penas, Ponte de Penas, O Mesón, O Rañado, Santa María e Serrallo.

Santa María é paso obrigado dos peregrinos no Camiño Francés, que se atopan neste lugar cos muíños que hai sobre o río Catasol. Tamén nesta aldea atópase o Pazo de Santa María, refeito a mediados do século XVII no sitio doutro máis antigo. Nesta casa viviu Fernando Somoza, autor de varios libros sobre a historia de Melide.


Moldes (San Martín)

Foto Parroquia

Poboación: 75 habitantes. Día da festa: San Martiño.

Lugares: A Casilla, Fisteos, Fondelo, Mirce, San Martiño, Sobradelo, Teillor, Transfontao e O Vilar.

A igrexa románica de San Martiño de Moldes foi construída no século XII, e o cruceiro, que se sitúa ao outro lado da estrada, no ano 1897. A igrexa ten os muros construídos en cachote polos laterais e sillería na fachada principal. Derredor da igrexa, no adro, sitúase o cemiterio. O retablo principal foi traído da parroquia de Santo Estevo de Pezobrés (Santiso). A maiores, a igrexa ten outros dous retablos: o das Angustias, baldaquino, e un retablo lateral do ano 1741.


Orois (Santa Cristina)

Foto Parroquia

Poboación: 44 habitantes. Día da festa: Santa Cristina.

Lugares: Carballas, A Fraga, Orois de Abaixo, Orois de Arriba, A Pena e Os Salgueiros.

A parroquia de Orois asóciase axiña co sabor do queixo. Neste lugar anováronse nos últimos anos moitas praderías e numerosas explotacións gandeiras comezaron a especializarse en gando de leite. Así, hoxe hai xa en Orois dúas fábricas de queixos, o produto máis representativo da parroquia. A nivel de arquitectura relixiosa, cómpre destacar a igrexa do século XIX, rodeada dunha fermosa carballeira, que é tamén o campo da festa.


Pedrouzos (Santa Mariña)

Foto Parroquia

Poboación: 42 habitantes. Día da festa: Santa Mariña.

Lugares: O Fervedoiro, Pedrouzos, Santa Mariña e Vilaverde.

Pedrouzos sitúase a carón da Serra do Bocelo. Nesta parroquia había un castro que lamentablemente foi desfeito hai uns anos. Á beira do río Catasol atópase a aldea do Fervedoiro, na que hai dous muíños á beira do río e unha fonte de auga de moi boa calidade. O propio núcelo de Pedrouzos é unha aldea grande, con varias casas antigas e un lavadoiro na fonte do Regueiro.


San Cibrao (San Juan)

Foto Parroquia

Poboación: 393 habitantes. Día da festa: San Xosé.

Lugares: Cabanelas, As Cazallas, Priorada, San Cibrao e A Torre.

A nivel arquitectónico, cómpre facer referencia nesta parroquia á Capela do Santo Antón de Trasmundi. Neste núcleo, hai tamén uns muíños e varias casas grandes que conservan a estrutura propia doutro tempo. É o caso da Corasa de Salgado, en Castro, ou da Casa de Casanova, que pertenceu á familia de Don Xoán Segade, médico de Melide. Esta casa conserva na fachada, recolocado na parede, un pequeno escudo de Ulloa.


Varelas (As) (San Martín)

Foto Parroquia

Poboación: 120 habitantes. Día da festa: San Martiño.

Lugares: Montoutiño, Montouto, Quintela, Reboredo, San Martiño de Abaixo, San Martiño de Arriba, Castro e O Vilar.

A igrexa de San Martiño das Varelas é do século XIX e atópase á beira da estrada. Sobre ela levouse a cabo unha restauración que permitiu deixar á vista os muros de cachotería. No seu interior, atópanse dous retablos, un principal dun corpo e cinco rúas, de estilo neoclásico, so do século XIX, e outro lateral, semellante aos das parroquias veciñas de Abeancos (San Salvador) e Campos.n Martiño das Varelas

Vitiriz (San Vicente)

Foto Parroquia

Poboación: 38 habitantes.

Lugares: Baladás, A Pena e Rocamador.

Dúas casas grandes destacan na parroquia de Vitiriz: a Casa de Baladás, que conserva o seu escudo, unha lareira e unha cheminea; e a Casa de Quinzán, con portalón, eira pechada con muralla e tres columnas circulares de cachote para emparrado. A igrexa parroquial de Vitiriz atópase en Rocamador.


Xubial (Santiago)

Foto Parroquia

Poboación: 69 habitantes. Día da festa: Santiago.

Lugares: O Alto, Atal, A Chancela, Curtiñela, Eirexe, Marín, Parafita, Quintal, A Rata e Rielo.

Atópase na parroquia de Xubial o Pazo de Tarrío, cuxo hórreo fora desfeito polo paso do furacán "Hortensia". O Pazo ten unha capela do século XVIII con arco de medio punto con impostas molduradas e un retablo de San Isidro. A igrexa de Xubial está na aldea de Eirexe, e conta cun retablo de estilo barroco rococó, posiblemente de mediados do século XVIII.


Zas de Rei (San Julián)

Foto Parroquia

Poboación: 111 habitantes. Día da festa: San Xiao.

Lugares: O Casal, As Conchadas, Fonte Fuxín, Panadeiros, O Pardal, O Real Novo, O Real Vello, Roiriz, Sanxiao, Seixas, Torriña, Vilela e Xandraga.

A igrexa de Zas de Rei reparouse hai uns anos e atopáronse nesta reforma algúns trazos do románico. Nesta parroquia atópase a chamada Casa do Lago, con dous hórreos, un deles de sete estremas, con rodo, columnas de cantería e laterais de madeira.