Novas

Máis novas

Melide celebra a I edición da súa Copa de Fútbol Sala

20/04/2022. Celebrarase ao longo de catro xornadas: tres clasificatorias todos os mércores dende o 20 de abril e unha eliminatoria que terá lugar o sábado 7 de maio, nunha xornada dedicada ao fútbol sala que complementará as celebracións da XXX Festa do Melindre

MELIDE 20 de abril de 2022.-  A I Copa de Fútbol Sala de Melide arrinca hoxe, mércores 20 de abril. A competición, que celebra deste xeito a súa primeira edición, estenderase ata o sábado 7 de maio. As primeiras tres xornadas, que serán clasificatorias, celebraranse todos os mércores entre o 20 de abril e o 4 de maio. A xornada do día 7 terá carácter eliminatorio e prolongarase ao longo de todo o día, facendo desta data unha xornada dedicada ao fútbol sala en Melide. Coincidirá, ademais, coa celebración da XXX Festa do Melindre, complementando a ampla oferta de lecer que Melide ofertará durante esa fin de semana.

A I Copa de Fútbol Sala, que se celebra menos dun mes despois do remate da I Liga coa vitoria do equipo do Pub Mytho, volve ser organizada polo Concello de Melide en colaboración co Club Melide de Fútbol Sala. Nesta primeira edición colaborará como patrocinadora do evento a Viñoteca Ribeirao. Este local de Melide sorteará entre todos os equipos participantes unha xornada de visita a un punto de interese turístico de Galicia. A xornada incluirá unha visita a unha adega e unha cata de viños, así como un xantar. A mesma Viñoteca Ribeirao acollerá no seu local un evento de confraternización ao remate da Copa, con petiscos e entrega de premios.

O concelleiro de Deportes, José Prado, amósase optimista ante “un novo evento que fortalece a práctica do fútbol sala en Melide e que ademais responde a unha tradición asentada deste deporte”. Novamente, sinala, “o Concello aposta pola práctica deportiva e por estendela entre a veciñanza”.

O edil de Deportes asegura tamén que “o que pretendemos con esta Copa, e especialmente coa xornada do sábado 7, é promover especialmente os valores mais destacados do deporte: o compañeirismo, o respecto polo rival, a confraternización entre xogadores, o valor social...”. “Eses valores están por riba da competitividade e por iso queremos que o sábado 7 sexa, sobre todo, unha festa por e para o deporte, que se una ás celebracións da XXX Festa do Melindre, que vai ser todo un éxito”, resume.

José Prado desexou “moita sorte” a todos os equipos participantes, aos que agradeceu a súa presenza nesta primeira edición da Copa.




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp