- Novas
- Axenda
- Perfil de contratante
- Convocatorias
- Avisos e bandos
- Ordenanzas
- Melide en imaxes
- Facturación electrónica
- Pago provedores
Novas
O Concello de Melide presenta alegacións á nova Lei de Mobilidade Sostible para evitar a perda de paradas de autobús no municipio
13/04/2022. O alcalde de Melide, José Manuel Pérez, enviou igualmente unha misiva á ministra de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana onde expón o prexuízo que a nova norma supón para o servizo de transporte en Melide a consecuencia da reforma das concesións de transporte que eliminará varias paradas
MELIDE 13 de abril de 2022.- O Concello de Melide anunciou hoxe a presentación de alegacións ao Anteproxecto de Lei de Mobilidade Sostible que prepara o ministerio de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana. Do mesmo modo, o alcalde de Melide, José Manuel Pérez, vén de dirixirse por carta á ministra, Raquel Sánchez Jiménez, para exporlle os prexuízos que a norma, na súa concepción actual, ocasionaría a Melide e outros concellos do rural galego.
Na súa misiva, o rexedor de Melide alerta do “grave prexuízo” que ocasionará en Melide e na súa comarca a actualización e reforma das concesións de transporte nas estradas do Estado. A eliminación de paradas será moi negativa nos municipios rurais e especialmente no caso de Melide, por ser a liña Santiago de Compostela-Lugo moi empregada pola veciñanza para levar a cabo todo tipo de trámites ou acudir a consultas médicas de especialistas. Lembra José Manuel Pérez que se trata dunha liña “de uso diario” por parte da veciñanza e tamén moi solicitada polo feito de confluíren en Melide dúas rutas do Camiño de Santiago (Francés e Primitivo).
Solicitude de modificación do Anteproxecto
As alegacións presentadas polo Concello de Melide reiteran e expanden estes argumentos para solicitar a modificación dun Anteproxecto que deixa sen un importante servizo a vila e os municipios próximos. O documento remitido ao Ministerio lembra que Melide é unha entidade territorial que conta con 26 parroquias e unha poboación de aproximadamente 7.500 persoas, estratexicamente situada no corazón de Galicia entre Santiago e Lugo. Esta situación e proximidade xeográfica á capital autonómica e á da provincia veciña fai que a liña de transporte sexa moi utilizada tanto por estudantes de ciclos formativos ou universitarios como por veciños que precisan desprazarse a unha destas cidades.
Do mesmo modo, nas súas alegacións o Concello lembra que nos picos da afluencia de peregrinos no Camiño Francés e no Camiño Primitivo a demanda de liñas públicas de autobús medra de forma moi notable.
No documento remitido ao Ministerio, o Concello de Melide sinala que boa parte do territorio español corresponde con áreas rurais, sen que o Anteproxecto teña en conta un apartado específico sobre mobilidade rural. “Debería exisitir maior preocupación por representar na normativa a realidade específica dunha parte moi importante da poboación española e da amplísima maioría do territorio xeográfico do Estado”, salienta o alcalde. José Manuel Pérez considera que desatender esta realidade só contribuirá ao reforzo do fenómeno do despoboamento do medio rural e bota en falta un compromiso claro coa cohesión territorial na nova norma. “As consecuencias do abandono do rural témolas claras hoxe ante a escaseza de produtos agrarios nos distintos mercados”, engade.
Igualmente, as alegacións presentadas polo Concello poñen en dúbida que a Administración pública deba rexer as liñas de transporte primando criterios de rendabilidade sobre consideracións de servizo público. “Os servizos deben prestarse non só por seren economicamente sostibles, senón pola súa utilidade pública e social”, reclama José Manuel Pérez, quen pon como exemplo servizos como Correos, as televisións públicas ou empresas con capital estatal que presentan balances negativos anualmente e seguen contando co apoio do Estado pola súa función social.
Nas súas alegacións, o Concello tamén cuestiona que se poida obrigar ao pagamento pola utilización de redes de altas capacidades, sinalando ademais que o Anteproxecto nin sequera determina os sistemas de cálculo do importe. Esta disposición prexudica aos concellos máis afastados dos grandes núcleos poboacionais, ampliando as desigualdades entre os habitantes do rural e do medio urbano.
O Concello reclama ao Ministerio de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana que se modifique o Anteproxecto con criterios que teñan en conta as necesidades específicas do medio rural. Débese procurar o equilibrio entre a sostibilidade económica do servizo e o equilibrio territorial e social do mesmo, de forma que non se dificulte a mobilidade no rural nin se eliminen servizos e calidade de vida no mesmo.