Novas

Máis novas

Melide xunta esforzos con concellos da contorna para dar resposta ás necesidades de atención temperá á infancia

09/03/2022.  O Concello asinará con Toques, Arzúa, Santiso e Vilasantar un convenio para optar de maneira conxunta ás subvencións autonómicas destinadas a prestación de servizos de atención temperá durante 2022.

MELIDE 9 de marzo de 2022.-  O Concello de Melide sumará esforzos cos concellos veciños de Toques, Arzúa, Santiso e Vilasantar para asinar un convenio destinado a optar conxuntamente ás subvencións autonómicas para a prestación de servizos de atención temperá.

O Concello de Melide optará por esta modalidade de concorrencia conxunta para a xestión compartida das axudas para cumprir axeitadamente coas bases da convocatoria, que só establecen a xestión individual en concellos con máis de 10.000 habitantes. A orde reguladora foi publicada no Diario Oficial de Galicia nº 27, do 9 de febreiro do presente ano.

A concelleira de Política Social, Carmen Liñeira, sinala que, con este acordo conxunto cos concellos da contorna, Melide poderá “dar resposta adecuada a unha necesidade detectada con gran frecuencia”. “Para nós é prioritaria a atención á infancia e ás necesidades derivadas de trastornos de desenvolvemento, que poden afectar gravemente á vida da persoa”, sinalou.

A atencion temperá engloba todas aquelas intervencións destinadas á poboación infantil entre 0 e 6 anos, así como á súa familia e contorna, que procuran responder a posibles necesidades de nenas e nenos con trastornos de desenvolvemento ou con risco de padecelos. Búscase desenvolver a súa autonomía e inclusión social, atendendo tanto necesidades transitorias como permanentes.

Estas axudas subvencionarán a prestación de servizos de atención temperá entre o 1 de novembro de 2021 e o 31 de outubro do ano vixente.

 




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp