Novas

Máis novas

O Concello de Melide recibe o Premio Galicia da AGAXEDE pola súa xestión deportiva

15/02/2022. 

MELIDE 15 de febreiro de 2022.- O Concello de Melide é o gañador, na categoría de municipio de menos de 15.000 habitantes, do Premio Galicia á mellor xestión deportiva na súa XII edición. O galardón, concedido onte na reunión da Xunta Directiva da Asociación Galega de Xestión Deportiva (AGAXEDE), recoñece por unanimidade do xurado a xestión deportiva municipal.

Un dos aspectos salientables desta xestión foi o programa de deporte online impulsado durante os períodos de peche de instalacións a causa da pandemia de COVID-19. A través das novas tecnoloxías chegouse a máis de 600 persoas usuarias.

Na decisión do xurado tívose en conta aspectos coma o desenvolvemento de dúas ligas federadas -Fútbol e Pádel- en Melide, así como o programa de escolas deportivas que chega a máis de 400 usuarios e usuarias de tódalas idades. Tamén se recoñece a creación dun circuíto de andainas que seguirá a potenciar hábitos saudables en colaboracións coas asociacións locais.

O galardón tamén recoñece o incremento no volume de investimentos nas instalacións deportivas e o medre na cantidade das axudas directas ás asociacións deportivas.

“Para nós é un orgullo a concesión desta distinción”, asegura o concelleiro de Deportes, José Prado. O edil destaca que “este recoñecemento faise a todos os melidenses que se manteñen activos, aos directivos e directivas das distintas asociacións que dedican o seu tempo ao fomento do deporte, ao departamento de Deportes do Concello que traballa con moita ilusión e eficacia, e por suposto, é un recoñecemento a un Goberno municipal que entende o deporte como unha actividade esencial para a sociedade, e por tanto concibe os investimentos nesta materia como prioritarios”.

Dentro da situación do deporte local, José Prado é rotundo á hora de expresar o seu pesar polo feito de que “a día de hoxe aínda non estea en funcionamento por cuestións administrativas o centro deportivo que substituirá á piscina climatizada, piscina que tivo que ser pechada por rematar o prazo de adxudicación e polo risco grave para a saúde dos usuarios”.




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp