Novas

Máis novas

Éxito na promoción da repostaría melidense na feira Saberes y Sabores en Madrid

22/11/2017. - O concelleiro de Turismo, Luis Arias, acompañou aos integrantes da Asociación da Repostaría Melide Terra Doce na súa promoción en Madrid

MELIDE 22 de novembro de 2017.- Ricos, melindres e amendoados da repostaría tradicional de Melide foron hoxe os protagonistas na feira “Pop up Galicia.Saberes y Sabores” que se celebra estes días en Madrid.

O concelleiro de Turismo, Luis Arias, acompañado por membros da Asociación da Repostaría Melide Terra Doce achegáronse ata este evento para promocionar os doces típicos da vila así como tamén para dar a coñecer a Festa do Melindre. Asistiron á feira “Sabores y Saberes” que se celebra dende o pasado 15 de novembro e ata o vindeiro domingo 26, no Palacio de Santa Bárbara de Madrid e que acolle en exclusiva artesanía e gastronomía galega.

Pola mañá os doces típicos de Melide foron degustados polas persoas que se achegaron a coñecer os segredos da repostaría melidense e pola tarde, foron moitos os que participaron nunha maridaxe entre os doces locais e Augardentes e Licores de Galicia. Esta última actividade foi guiada pola sumiller Sonia Otero, enóloga e vogal do Consello Regulador de Augardentes de Galicia.

A maiores de participantes nestas dúas iniciativas, a maridaxe e a degustación, o Concello de Melide e a Asociación da Repostaría Tradicional Melide Terra Doce, aproveitou para promocionar a vindeira edición da Festa do Melindre que se celebrará a segunda fin de semana do mes de maio do próximo ano.

Dende o Concello de Melide agradecen enormemente o esforzo realizado por Artesanía de Galicia  “xa que nos brindaron a oportunidade de estar presente nunha feira destas características que sen dúbida repercutirá positivamente na promoción dos nosos doces e na nosa vindeira Festa do Melindre”.

Entre os asistentes ás actividades de promoción en Madrid dos doces típicos de Melide, achegáronse numerosos galegos e galegas que viven na capital, así como persoas de fóra de Galicia que coñecen os doces típicos de Melide e tiveron a ben coñecer máis sobre a nosa repostaría. Tamén se achegaron ata o stand dos doces melidenses caras novas que coñeceron de primeira man o sabor dos ricos, melindres e amendoados, así como embaixadores do melindre como a presentadora Silvia Jato.

A presencia en Madrid na xornada de hoxe dos doces típicos de Melide é unha das accións promocionais da próxima Festa do Melindre na que xa se está traballando por parte do Concello de Melide e da Asociación da Repostaría Tradicional Melide Terra Doce.




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp