- Novas
- Axenda
- Perfil de contratante
- Convocatorias
- Avisos e bandos
- Ordenanzas
- Melide en imaxes
- Facturación electrónica
- Pago provedores
Novas
O Concello de Melide acomete reformas no Campo de Fútbol e no Polideportivo Municipal
22/12/2021. As obras subsanan carencias nas instalacións e modernizan notablemente o equipamento. Estes traballos melloran o retorno das actividades deportivas e supoñen según José A. Prado, “recoñecer e apoiar o esforzo diario das asociacións deportivas para promover a práctica deportiva entre a veciñanza de Melide”.
MELIDE 21 de decembro de 2021.- O Campo de Fútbol de Melide e o Polideportivo Municipal están a ser obxecto de importantes melloras durante as últimas semanas. Integradas dentro do programa continuo de mantemento e renovación das infraestruturas deportivas locais.
Aínda que dende o comezo do actual mandato se teñen levado a cabo actuacións de posta a punto das instalacións, dende o pasado verán téñense intensificado as mesmas en previsión do retorno ás actividades deportivas.
Campo de Fútbol.
As reformas no Campo de Fútbol inclúen a instalación dun novo marcador para substituír o antigo que levaba anos avariado e a reparación case completa do sistema de iluminación do terreo de xogo, despois dunha importante avaría ocasionada por unha tormenta.
Tamén se pintaron os catro vestiarios existentes, dous dos cales se acondicionaron antes da pandemia, para que, por primeira vez no recinto, se poidan ter en servizo os catro e utilizalos simultaneamente. Do mesmo modo, estanse a levar a cabo obras para a instalación de dúas porterías móbiles.
O edil de Deportes sinalou, ademais, que o Concello vén de multiplicar por sete o número de horas destinadas á limpeza desta instalación, que pasan de dúas semanais a dúas diarias.
Polideportivo Municipal.
No Pavillón Polideportivo, estanse instalando un moderno videomarcador led e un sistema de sonorización, dúas actuacións que significan un importante avance de modernización. As reformas inclúen a melloras en dúas salas para actividades dirixidas e do mesmo modo acometéronse traballos en aspectos como a fontanería, a carpintería, a electricidade, o subministro de auga quente e mesmo o pintado daquelas paredes máis degradadas. “Trátase dun salto de calidade moi importante no estado da infraestrutura”, salienta o concelleiro de Deportes.
“Para o Concello de Melide é unha satisfacción ver como nos últimos tempos medrou enormemente a utilización destas dúas instalacións e a práctica do deporte no municipio”, engade o edil. Lembra José A. Prado que o Polideportivo é “o epicentro de actividades como as Escolas Deportivas, ximnasio, o Club de Fútbol Sala ou a liga semanal do mesmo deporte”. Prado salienta que máis de 400 persoas pasan polo pavillón cada semana nestas actividades e máis de 100 polo Campo de Fútbol.
Estas reformas e melloras, “necesarias e importantes”, constitúen “o principio” da reforma de instalacións que o Concello seguirá acometendo, asegura Prado, quen tivo palabras de agradecemento para as asociacións deportivas locais.