- Novas
- Axenda
- Perfil de contratante
- Convocatorias
- Avisos e bandos
- Ordenanzas
- Melide en imaxes
- Facturación electrónica
- Pago provedores
Novas
O servizo de “Xantar na Casa” de Melide amplíase a 20 prazas
14/12/2021. O programa, posto en marcha pola Concellaría de Política Social, atende a persoas maiores, dependentes e/ou en exclusión social. Procura garantir a atención nutricional para evitar o deterioro da saúde e da calidade de vida.
MELIDE 14 de decembro de 2021.- O servizo de Xantar na Casa do Concello de Melide aumenta a súa capacidade ata dar servizo a 20 persoas grazas ao convenio que o Concello vén de asinar co Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. O servizo, posto en marcha en marzo deste ano con seis persoas beneficiarias e que xa en maio cubrira o total de 10 prazas iniciais, poderá así chegar ao dobre de beneficiarias e beneficiarios. O Concello solicitou a finais de maio deste ano a ampliación que vén de facerse efectiva.
A concelleira de Política Social do Concello de Melide, Carmen Liñeira, amosou a súa satisfacción por este incremento no número de prazas. A edil salientou a boa acollida e valoración deste servizo entre as persoas usuarias e manifestou o “completo compromiso do Goberno local co benestar das nosas e os nosos maiores, así como das persoas dependentes”.
O programa de Xantar na Casa é unha iniciativa social de atención nutricional posta en marcha pola Concellaría de Política Social. Proporciona ás persoas beneficiarias unha alimentación de calidade e nutritiva, evitando o deterioro da súa calidade de vida a causa dunha dieta inadecuada. Ademais, o programa procura facilitar a conciliación das familias e persoas coidadoras e previr situacións de risco no proceso de elaboración da comida. Igualmente, Xantar na Casa fai un seguimento individualizado de cada usuario e usuaria atendendo á súa evolución e ás súas necesidades, a través de supervisión por persoas técnicas e especialistas en nutrición e enquisas periódicas.
A iniciativa diríxese a persoas maiores de 60 anos con limitada autonomía persoal, persoas depedentes ou persoas menores de 60 anos en exclusión social. Neste último caso, previa avaliación técnica dos servizos sociais municipais e en colaboración cunha intervención social máis ampla para resolver a situación da persoa.
O convenio que veñen de asinar o alcalde José Manuel Pérez Penas e a conselleira de Política Social da Xunta de Galicia, Fabiola García Martínez, en representación respectivamente do Concello de Melide e o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, terá unha duración de catro anos prorrogables por outros catro mentres estea vixente.