Novas

Máis novas

O Goberno local saca adiante un crédito extraordinario para o tratamento de augas residuais na Madanela ante unha nova discriminación da Xunta contra o pobo de Melide

26/11/2021. O pleno extraordinario do 26 de novembro aprobou o expediente de modificación orzamentaria para afrontar o investimento do proxecto de conexión de augas residuais do Polígono da Madanela co saneamento de Melide. O proxecto sae adiante con cargo ao remanente de tesourería municipal. O Concello de Melide anuncia que este proxecto irá adiante a pesar das dilacións da Xunta.

MELIDE 26 de novembro de 2021.- O pleno extraordinario celebrado en Melide na mañá de hoxe serviu para aprobar por unanimidade un expediente de modificación orzamentaria vía crédito extraordinario por un valor de 1.535.814,36 euros para afrontar o investimento do proxecto de conexión de augas residuais do polígono industrial da Madanela co saneamento de Melide. O proxecto irá con cargo ao remanente de tesourería para gastos xerais.

Durante a sesión plenaria viviuse un intenso debate sobre a problemática histórica dos vertidos industriais na Madanela. O alcalde, José Manuel Pérez, lembrou que o polígono naceu e ampliouse sen contar cunha depuradora, chegando ao ano 2019, cando tomou posesión o actual Goberno local, “sen nada resolto”. Pérez lamentou que dende a Xunta de Galicia se chegase a pór Melide como “exemplo de mala xestión” das augas residuais cando o Concello tivo que lidar con atrancos de todo tipo, como as dilacións na adquisición do terreo dos solares de referencia. O rexedor lembrou que o proxecto sitúa a estación de bombeo nunha parcela que non é de titularidade municipal, parcela que foi vendida por Xestur cunha bonificación condicionada a ter actividade nun prazo de dous anos, cousa que non foi así. Levantouse acta notarial que acreditou que non existía actividade na mesma, polo tanto o concello interpretou que dita parcela revertía a Xestur por incumprimento do comprador, podendo ser adquirida polo Concello de forma directa. Xestur declinou esta opción apuntando ao Concello a que tomase a vía da expropiación.

Trátase, sinalan dende o Goberno Local, dunha dilación inxustificada que bloquea o problema da adquisición deste terreo, xa que “son entidades dependentes da Xunta as que por unha banda non permiten adquirir ese terreo e as que por outra banda o reclaman como necesario para o proxecto”.

Discriminación a Melide

Nas súas intervencións, o resto do equipo de Goberno local denunciou o que considera unha “discriminación” cara a “Melide e a súa veciñanza”. Deste modo, o tenente de alcalde, José Prado, lembrou que Melide leva esperando dende 2005 por unha solución a este problema e non foi ata o 29 de decembro de 2020 cando o Concello recibiu o proxecto definitivo, “despois de meses de requerimentos pola nosa banda”. “É unha desvergoña política” sinalou Prado “que o PP non resolvese isto coa ampliación do Parque empresarial nin sequera coa conxunción favorable que significaba para eles ter gobernado simultaneamente Melide, a Deputación e a Xunta”. Para o tenente de alcalde, esa actitude dilatoria da Xunta agravouse ante a entrada dun novo executivo local en Melide. “Só recibimos atrancos, agravios e menosprezos”, resumiu, e afirmando ante o grupo municipal do Partido Popular que “non fixestes nada en 12 anos e pedides que o resolvamos nós en 12 meses”. José prado lamentou que a Xunta de Galicia, ao seu xuízo, se limitase a “torpedear todas as liñas de actuación do Goberno de Melide”. 

Pola súa banda, o segundo tenente de alcalde, Xosé Igrexas, lamentou as “incoherencias e mentiras” do Partido Popular no Concello de Melide e na Xunta. Referiuse ao convenio proposto polo Partido Popular para a elaboración deste proxecto como “unha tomadura de pelo para o pobo de Melide”. “Discrimínase Melide fronte a outros concellos”, incidiu, pondo o exemplo de proxectos como o investimento de 12,2 millóns de euros en Foz por parte da Xunta de Galicia para depuración de augas, ou o investimento subvencionado integramente de máis de 2 millóns para o mesmo motivo no Pino. Tamén se referiu ás subvencións autonómicas por valor do 80% dos proxectos de saneamento en Cee e Corcubión. “Por que os melidenses teñen que investir os seus cartos mentres outros concellos non teñen que facelo?”, preguntouse, para asegurar que en Melide “estamos discriminados pola Xunta e o PP”.

A portavoz popular no Concello de Melide, Dalia García, criticou ao comezo da sesión o que considerou unha demora inxustificada do Goberno local neste proxecto e manifestou que a Xunta de Galicia asegura un terzo do investimento total do proxecto. Asegurou que a día de hoxe “Melide conta cunha EDAR grazas á Xunta”.

 

 

 

 

 

 

 




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp