Novas

Máis novas

Os concellos de Melide, Toques e Santiso reclámanlle á Xunta de Galicia persoal para atender axeitadamente ao alumnado con necesidades educativas especiais nos centros de ensino.

09/11/2021. O alcalde, José Manuel Pérez, asinou un escrito a semana pasada neste sentido xunto aos seus homólogos de Santiso e Toques. Os tres rexedores recollen así as demandas da comunidade educativa e ANPAs. As concelleiras de Política Social e de Educación, Carmen Liñeira e María Jesús Iglesias, mantiveron reunións coas nais e pais afectadas/os para coñecer as súas demandas.

MELIDE- 9 de novembro de 2021.- O Concello de Melide reitera o seu apoio ao alumnado e ás familias dos centros educativos de Melide na súa demanda dun reforzo educativo para o alumnado con necesidades específicas. Neste senso, o alcalde de Melide, José Manuel Pérez Penas, asinou o pasado 2 de novembro unha solicitude, xunto a Manuel Adán López, alcalde de Santiso, e José Ángel Penas García, alcalde de Toques, na que reclama que se teñan en consideración estas demandas. A misiva urxe a dotar aos centros educativos de máis persoal para atender axeitadamente ás nenas e nenos que presentan necesidades educativas especiais.

Na misiva, os tres alcaldes lembran as demandas realizadas polos pais e nais do alumnado, ANPAS e centros escolares de infantil e primaria.  Nesta liña, lembran que en caso de non atenderse estas demandas, o alumnado vese forzado a saír fóra da comarca para obter o reforzo educativo que precisan, o que resulta unha  falla do dereito a unha educación de calidade na contorna do menor.

Os tres concellos e as ANPAs reclámanlle á Consellaría de Educación da Xunta que cumpra cos concellos rurais e garanta o dereito a unha escolarización axeitada para as nenas e nenos dos mesmos, en igualdade de condicións fronte aos centros educativos situados en municipios urbanos.

 




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp