Novas

Máis novas

Melide acolleu esta mañá a presentación do Ecocamiño

28/10/2021. A proba deportiva, un evento de dúas distancias, conxuga o valor patrimonial, paisaxístico e mesmo gastronómico do camiño ao seu paso por Melide e outras localidades da ruta xacobea. O Ecocamiño, que arrinca o sábado 6, reúne a deportistas españois e estranxeiros e o seu percorrido rematará o domingo 7 en Santiago.

MELIDE- 28 de outubro de 2021.- Melide acolleu hoxe pola mañá a presentación do evento deportivo Ecocamiño. Trátase dun evento en dúas   distancias, tanto competitivas como enfocadas en camiñantes e acompañantes. O Ecocamiño é un evento único a nivel mundial pola súa combinación de deporte, cultura, historia, gastronomía, espiritualidade e ecorresponsabilidade. Celebrarase os días 6 e 7 de novembro. 

No evento de presentación estiveron presentes José Manuel Pérez, alcalde de Melide, así como Claudio Garrido,alcalde de Sarria, Pablo Taboada, alcalde de Palas de Rei, e a deputada de Deportes da Deputación da Coruña, Cristina Capelán. Igualmente participaron os concelleiros de Melide José Prado, responsable da área de Deportes, e Xosé Igrexas, concelleiro de Promoción Económica, e mais o edil de Deportes de Sarria, Félix Seijas.

Para o alcalde de Melide, José Manuel Pérez, “o Ecocamiño axudará a difundir o coñecemento sobre o noso concello e sobre o resto de localidades que atravesa esta proba que aproveita o trazado xacobeo”. O alcalde puxo en valor o feito de que unha das modalidades da ruta parta de Melide, outorgándolle ao noso municipio un papel destacado na proba. 

Pola súa banda, o edil de Deportes, José Prado, indicou que Melide se amosa grazas a esta proba como un “punto de encontro de deportistas” que aproveita unha “situación xeográfica envexable”. “Seguiremos nesta liña” sinalou, valorando positivamente un evento “que pon en comuñón o deporte coa tradición do Camiño de Santiago”.

O Ecocamiño reúne a 320 deportistas de todas as comunidades autónomas españolas, así como de países europeos como Alemaña ou Portugal, ademais de varios países da América Latina. O percorrido terá dous formatos: un trazado de 110 quilómetros entre Sarria e o monte do Gozo -que atravesará Melide- e outro que partirá dende Melide e percorrerá os 47 km que o separan do monte do Gozo. Os premios entregaranse na Praza do Obradoiro de Santiago de Compostela o mesmo domingo ás 12 da mañá.

Os participantes divídense por igual entre ambas as dúas modalidades. A metade deles partirá xa que logo de Sarria o sábado 6 ás 9 da mañá, mentres o resto fará o propio dende Melide na mesma data ás 12h da mañá. Os participantes que partan de Sarria

 

 

contarán con 5 avituallamentos, e con 2 as persoas que partan de Melide. Nos avituallamentos terase en conta os produtos gastronómicos das distintas localidades de paso.

 

 




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp