Novas

Máis novas

O Concello de Melide acondiciona unha senda peonil na área de Folicheiro

27/10/2021. Os traballos, que veñen de comezar, inclúen a construción dunha senda e a pavimentación do vial. Melide suma así unha nova senda segura orientada ao desfrute dos peóns. A obra ten un custe de 99.321,35 euros e a súa duración será de catro meses.

MELIDE- 27 de outubro de 2021.- O Concello de Melide está a levar a cabo obras de acondicionamento dunha senda peonil nun vial da rúa Folicheiro. Os traballos teñen por obxectivo mellorar a seguridade viaria na área a través da creación desta senda nunha vía que habitualmente é moi transitada por peóns. Ademais, a obra inclúe traballos de mellora da pavimentación existente, recollida de augas e área de estacionamento para vehículos.

O Goberno local salienta que coa execución destes traballos procura ofrecer unha vía segura máis ao numeroso grupo de persoas afeccionadas ás andainas no noso municipio. Destaca o Concello que a nova vía enlazará co Camiño de Santiago en Furelos, ofrecendo novos espazos para camiñar seguros dentro da localidade.

A senda peonil, a ambas as beiras da vía, terá unha lonxitude total de 663,78 metros, cun ancho medio de dous metros.

Actuacións levadas a cabo

A obra contempla intervencións sobre varios aspectos. Por unha banda, vaise realizar unha rede de recollida de augas pluviais a través dunha rigola prefabricada de formigón, sumidoiros e canalizacións de 400 mm. Por outra banda, na senda peonil realizarase a escavación necesaria para retirar o material que non vaia aproveitarse e procederase a encher con material seleccionado, subbase de zahorra artificial e pavimento de mestura bituminosa en quente.

Na área de estacionamento vai escavarse para retirar o material non aproveitable e encher con novo material: subbase de zahorra artificial e pedra con dous tratamentos asfálticos, acabando cunha capa de MBC. No vial actualmente existente vaise levar a cabo unha repavimentación con MBC de espesor de 5 centímetros.

Todas as actuacións están a levarse a cabo en terreos públicos de propiedade municipal. O orzamento da obra é de 99.321,35 €, e os traballos durarán catro meses.




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp