- Novas
- Axenda
- Perfil de contratante
- Convocatorias
- Avisos e bandos
- Ordenanzas
- Melide en imaxes
- Facturación electrónica
- Pago provedores
Novas
O curso escolar botou a andar en Melide con normalidade e cun notable aumento de inscricións no Conservatorio de Música
05/10/2021. O pasado luns, 4 de outubro, deron comezo as actividades do Conservatorio Profesional de Música de Melide, logo do peche de matrícula o venres 24 de setembro. Este ano hai un incremento do 7% no volume de alumnado. Iniciouse así con normalidade o curso educativo no municipio, coa estrea do Programa Madrugadores e a cobertura, por primeira vez, das prazas vacantes de conserxería.
MELIDE 5 de outubro de 2021.- O Conservatorio Profesional de Música de Melide, que pechou o seu período de matriculación o 24 de setembro, deu comezo ao desenvolvemento da súa actividade regrada este luns, 4 de outubro. Un ano máis a actividade do Conservatorio comezou en tempo e forma, con arreglo ao calendario da Consellería de educación, no apartado de ensino especial.
O alumnado deste ano comprende novamente algo máis de 130 persoas, cun incremento do 7% no número de persoas inscritas. Parte do alumnado que se atopaba cursando iniciación á música deu un paso cara á formación oficial na matrícula deste ano, rexistrándose aumentos en grao elemental e no primeiro nivel profesional. Este ano batéronse os rexistros previos no referido a inscricións en iniciación á música, con 31 persoas inscritas fronte ás 20 do ano 2020.
A concelleira de Educación, María Jesús Iglesias Sánchez, valorou moi positivamente este incremento nas cifras de alumnado do Conservatorio, que reflicten tanto “o interese da veciñanza” como “o crecente prestixio do centro e a da formación ofertada”. Agradeceu un ano máis o esforzo dos distintos departamentos municipais para garantir o cumprimento do calendario do curso marcado dende a Xunta de Galicia e o seu traballo por sobreporse á situación derivada da pandemia de COVID-19 e continuar a ofertar un servizo de calidade, con garantías e seguro.
Entre as distintas disciplinas e instrumentos musicais cuxa formación oferta o Conservatorio atópanse, no apartado de corda, o violín, viola, violonchelo e contrabaixo. En vento madeira, danse clases de frauta, clarinete, saxo e óboe, e de trompeta, trompa, tuba e trombón en vento metal. Ademais, o Conservatorio inclúe solfexo, percusión, piano, harmonía, guitarra, gaita, canto e acordeón.