Novas

Máis novas

O Concello de Melide lembra que o proxecto da obra da Ponte Furelos contou co aval de Patrimonio Cultural e Augas de Galicia

04/10/2021. A intervención de rehabilitación e posta en valor da ponte foi autorizada nos termos actuais en informes favorables de 2017 e 2018. Do mesmo xeito, foi sometida a exposición pública sen rexistrarse alegacións.

Melide, 4 de outubro do 2021.- O Concello de Melide lembra que as obras de rehabilitación e posta en valor da Ponte Furelos foron debidamente informadas e avaladas polos organismos pertinentes. O proxecto contou igualmente co habitual período de exposición pública durante o cal non se rexistraron alegacións.

Sinalado isto, o Concello considera que non é competencia municipal cuestionar ou dificultar os traballos se non existe unha xustificación técnica nese sentido. Na actualidade non constan alegacións nos xa cinco anos de proxecto para recuperar unha ponte emblemática do noso municipio.

A Administración local, malia observar con preocupación a inquedanza que estas obras de rehabilitación semellan ter causado nunha parte da opinión pública local, reitera que os informes positivos de Augas de Galicia (setembro de 2018) e a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural (febreiro de 2017) avalan o proxecto. Para o Concello de Melide, calquera modificación no proxecto de obra debe contar cun novo informe destas entidades. Nese caso, estas deberían aclarar convenientemente os motivos do cambio de criterio. Calquera deterioro existente na infraestrutura da ponte debe estar pertinentemente recollido na información técnica aprobada.

Ante o cuestionamento xerado, o Concello de Melide expón a súa disposición a reunirse, previo convite motivado neste sentido, coa Xunta de Galicia e co Goberno do Estado co obxectivo, se estas administracións o consideran preciso, de avaliar a situación da ponte e calquera modificación técnica do proxecto. Esta modificación deberá seguir as canles legais. 

 




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp