Novas

Máis novas

O Concello de Melide recórdalle á Xunta que a expropiación de terreos para a conexión de augas residuais entre o polígono e a depuradora debe seguir as canles legais.

01/10/2021. O Concello de Melide responde así ás declaracións de Ethel Vázquez logo de que a responsable de Infraestruturas obviase a situación real do proxecto para atacar á Administración local desde o Parlamento de Galicia.

Melide, 1 de Outubro de 2021.- Ante as declaracións da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, afirmando no Parlamento de Galicia que Melide aínda non puxo ao dispor da Xunta de Galicia os terreos para a conexión das augas residuais entre o Parque Empresarial da Madanela e a depuradora local, o Concello de Melide quere lembrar publicamente á Xunta de Galicia que a Administración local está a cumprir cos prazos e procedementos legais de expropiación dos terreos necesarios. Na actualidade está en fase de tramitación o Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións para bombear augas residuais do Parque Empresarial da Madanela, un documento imprescindible para o proceso de expropiación ao que a Xunta de Galicia só deu o seu visto bo, condicionado a modificacións, pouco antes do mes de agosto do presente ano 2021.

O Concello de Melide considera igualmente necesario expor os antecedentes da situación actual para evitar a desinformación e a propagación de medias verdades sobre o proxecto. Nese sentido, lembra que o Polígono Industrial naceu e expandiuse, baixo distintos gobernos locais e autonómicos, sen contar cunha infraestrutura básica como a depuradora. Cando se impulsou o actual proxecto, Augas de Galicia, organismo director do mesmo e dependente da Xunta, determinou a parcela específica máis axeitada para desenvolver a infraestrutura. Esta parcela era propiedade de Xestur, o organismo autonómico de xestión do solo, quen rexeitou a solicitude do Concello para tramitar unha resolución de compra-venda e obrigou a considerar a expropiación como saída forzosa.

A expropiación require dun Plan Especial xa mencionado, que só puido ser redactado logo de que a Administración autonómica fixese entrega, o 29 de decembro de 2020, do proxecto. Para esta entrega foron necesarias dúas solicitudes previas do Concello, que -malia non contar co proxecto ata 2021 a efectos prácticos- en febreiro deste ano xa redactara e puxera a disposición da Xunta o Plan Especial. É pois o Concello de Melide a única administración que amosou celeridade neste proceso, ante o silencio ou as dilacións da Xunta de Galicia, e ante a contradición entre dúas entidades autonómicas, Augas de Galicia e Xestur, que por unha banda sinalaban a idoneidade do terreo e pola outra dificultaban a súa adquisición por parte do Concello.

Con todo, o Concello de Melide recoñece que durante moito tempo Melide ten sido un exemplo negativo na xestión das redes locais de saneamento, tal e como afirma a titular de Infraestruturas. Sen embargo, a responsabilidade desa mala praxe non recae na actual Administración, que ten conseguido desbloquear un proxecto paralizado de facto pola Xunta, senón na desidia na xestión de anteriores administracións locais.

 

 

 




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp