Novas

Máis novas

Melide e Toques establecen un marco de colaboración entre concellos.

13/04/2021. A creación de dúas sendas homologadas que unirán ambos municipios é un dos acordos froito do traballo de colaboración entre ambos Concellos.

Melide a 13 de abril de 2021. - Alcaldes e tenentes de alcalde dos Concellos de Melide e Toques mantiveron na mañá de hoxe un encontro no que estableceron un marco de colaboración entre os dous concellos veciños para traballar sobre temas de interese para ambos.

O primeiro asunto sobre o que se está a traballar é a creación de dúas rutas homologadas de sendeirismo, que unirán ambos concellos, transcorrendo polas zonas máis representativas da xeografía da nosa comarca. A proposta destas dúas rutas parte do concello de Melide e permitirá contar, xunto coas que xa dispón o Concello de Toques, cunha rede de 4 rutas homologadas e interconectadas entre si o que permitirá a veciños e visitantes desfrutar do entorno natural de ambos concellos.

A primeira ruta, unirá os dous núcleos municipais e poñerá en valor o percorrido que transcorre polo punto máis alto da provincia da Coruña, O Coto do Pilar accedendo a él a través dos Montes do Bocelo.

O segundo roteiro, discorrerá ao longo do rio Furelos, desde a Ponte Medieval de Furelos finalizando nas Fervenzas do Concello de Toques.

A creación de ambas sendas aportarán claros beneficios en tres liñas:  incremento da práctica deportiva e hábitos saudables, a posta en valor do patrimonio cultural e medio ambiental de ambos concellos, así como un impacto económico a través do turismo

Durante o encontro celebrado entre os equipos de goberno de ambos concellos traballouse sobre outros temas de colaboración dos que se irá informando a medida que se vaian concretando.




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp