- Novas
- Axenda
- Perfil de contratante
- Convocatorias
- Avisos e bandos
- Ordenanzas
- Melide en imaxes
- Facturación electrónica
- Pago provedores
Novas
O Concello de Melide pon en marcha o programa de Xantar na Casa
11/03/2021. Entrou en funcionamento o servizo de Xantar na casa no Concello de Melide que contará con seis usuarios e usuarias, un número que se irá incrementando co paso do tempo xa que dende os Servizos Sociais da vila xa tramitan máis solicitudes.
MELIDE 11 de marzo de 2021.- O Concello de Melide a través da súa Concellaría de Política Social pon en marcha o servizo de Xantar na casa.
No día de hoxe a concelleira de Política Social Carmen Liñeira, o alcalde de Melide José Manuel Pérez Penas acompañaron ao xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar Perfecto Rodriguez na presentación do programa Xantar na Casa.
“Xantar na casa”, é un programa social de atención nutricional que está dirixido aos colectivos de persoas maiores e de persoas en situación de dependencia. O prazo para realizar as solicitudes está aberto durante todo o ano.
Entre os obxectivos específicos deste programa está o de proporcionar ás persoas beneficiarias unha alimentación de calidade e nutritiva, atendendo os casos de maneira individualizada e profesional. Evitar a deterioración da calidade de vida das persoas beneficiarias por ter unha dieta inadecuada e previr situacións de risco que se poidan producir no proceso de preparación e elaboración da comida son parte dos obxectivos.
O programa “Xantar na casa” tamén pretende facilitar un respiro ás familias e aos coidadores e impulsar medidas de apoio á conciliación da vida familiar e laboral , facendo un seguimento individualizado de cada situación por parte dos profesionais que interveñen no servizo.
Carmen Liñeira, concelleira de Política Social do Concello de Melide apunta que “é gratificante poñer en marcha por primeira vez un servizo que garante a cobertura das necesidade básicas dos nosos veciños e veciñas, ademáis cabe salientar que dende os servizos sociais xa se está traballando para que máis veciños e veciñas sexan beneficiarios desta iniciativa” e engade que “aquelas persoas que queiran participar no programa teñen que poñerse en contacto cos servizos sociais do Concello de Melide no teléfono 981 50 57 06 para realizar a súa tramitación”.