Novas

Máis novas

O Concello de Melide presenta o proxecto para a nova xestión e reforma da Piscina Climatizada

20/11/2020. Desde o 3 de setembro de 2019 as portas da instalación están pechadas debido ao mal estado no que se atopaba e a imposibilidade de poder continuar prestando o servizo.

MELIDE 20 de novembro 2020.- O Concello de Melide, desde a súa Concellaría de Deportes dirixida por Jose A. Prado e despois de meses de traballo, iniciado xusto despois de que se pechase a instalación, vén de presentar o proxecto de reforma, a realizar no vindeiro ano 2021, das instalacións da piscina climatizada que suporá unha inversión de 604.000 € máis IVE.

Trátase dunha transformación ambiciosa que poñerá fin aos problemas estruturais e de mantemento que viña acarreirando a instalación nos últimos anos.

A Piscina Municipal é unha instalación construída pola Deputación de A Coruña entre os anos 2000 e 2002, que non pode poñerse en funcionamento no estado actual, según indicacións de expertos que a inspeccionaron, por risco evidente para a saúde dos usuarios. Precisa de investimentos obrigatorios en climatización, ventilación, calefacción e xestión da auga, ademais de optimización de espazos.

A instalación, foi deseñada en orixe para prestar servizos de piscina climatizada, cun espazo mínimo de ximnasio e outro para cafetería, co tempo, tentaron adaptarse os espazos para prestar un servizo máis amplo de ximnasio e de actividades dirixidas. Se nun principio puido valer como solución, hai anos, que as necesidades de servizos da poboación de Melide e comarca, son moi superiores as que pode prestar o recinto tal e como e se atopa na actualidade.

O obxectivo desta Concellaría é que deixe de ser unha piscina climatizada cun pequeno ximnasio, unha sala de actividades dirixidas e uns vestiarios totalmente insuficientes, e pase a convertirse nun CENTRO DEPORTIVO con todas as características que elo comporta en canto aos servizos prestados.

Para ser un CENTRO DEPORTIVO, requírese dunha actualización e redefinición rigorosa, da edificación e do seu entorno, deseñando a reforma dos espazos interiores, integrando a xestión das pistas de pádel e pista multideportiva próximas, e contemplando para o futuro, se as necesidades así o requiren, posibles ampliacións na zona nor-nordeste

NOVO MODELO DE XESTIÓN

Prado afirmou que: “Chegou o tempo de aplicar un modelo de xestión que implique máis responsabilidades por parte do Concello co obxectivo de conseguir a mellor calidade posible na prestación do servizo e a mellor eficiencia no balance económico, e ata mesmo, marcar a liña de xestión que deba garantir o futuro da instalación”, e engadiu: “apostamos pola xestión máis directa que nos permite a lei, asumindo a dirección da Piscina Climatizada, para o que adxudicaremos a xestión do persoal na parte deportiva e na técnica de mantemento”   

Cambiar o modelo de xestión na Piscina Climatizada é unha oportunidade que vai implicar tamén un cambio no modelo de xestión no deporte municipal, coa finalidade de conseguir un mellor servizo aos usuarios, a modernización das instalación e o aforro de custos.  

Apunta José A. Prado: “Realizaremos dous procesos de licitación, un o de reforma e mantemento da instalación, vinculado aos subministro de servizos enerxéticos, e outro, o de servizos deportivos, que proveerá de persoal cualificado e profesional para cubrir as necesidades da oferta deportiva municipal. Os procesos acometeranse  nos primeiros meses de 2021 para que esta reforma da piscina municipal sexa unha realidade, previsiblemente, a finais do próximo verán”.

XESTIÓN INTEGRAL DAS ACTIVIDADES DEPORTIVAS

Contrato de Servizos Deportivos, proveerá de persoal  técnico deportivo á Piscina Climatizada, ás escolas deportivas, á piscina de verán e a outras actividades organizadas polo Concello. O que aportará significativos beneficios ao Concello: dirección única, aforro de custos, menos tramites administrativos e ata mellor calidade no emprego, repercutindo nunha mellora da xestión dos espazos deportivos en beneficio da propia veciñanza.

REFORMA  DAS INSTALACIÓNS

Excepto o vaso da piscina, o resto someterase a unha reforma integral: ampliación do ximnasio, pasando de 80m2 a 178m2, ampliación de vestiarios, pasando de 34m2 a 105m2, e haberá dúas salas de actividade dirixidas, unha de 80 m2 e outra de 58 m2, e mudando a totalidade das máquinas de ximnasia e o sistema de climatización, para que éste último cumpra coa normativa vixente.

Tal e como explica José A. Prado “intentaremos que este centro deportivo se integre como unha nova posibilidade na urbanización Taboada Roca, que conta xa con pistas de pádel, pistas polideportivas e un parque infantil, creando así un espazo onde a actividade física sexa a protagonista. É un proxecto de presente, pero tamén de futuro”.

 




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp