Novas

Máis novas

O Concello de Melide reabre a rúa Mateo Segade Bugueiro trala súa renovación

18/11/2020. A veciñanza e os visitantes xa poden acceder ao casco antigo de Melide pola rúa Mateo Segade Bugueiro, unha das principais vías de acceso á zona vella, entrada histórica do Camiño Primitivo en Melide

MELIDE 18 de novembro 2020.- Melide reabre ao público a rúa Mateo Segade Bugueiro que foi obxecto de melloras, durante os últimos seis meses, para reurbanizar o acceso do Camiño Primitivo ao casco vello.

A actuación contou cun orzamento de 148.282 euros e proxectouse para poñer en valor a rúa, na que ademais da separación das redes de pluviais e fecais, realizáronse melloras estéticas máis acordes coa zona. Instalouse mobiliario urbano novo con bancos de granito, realizouse plantación de árbores, dotación baixo terra de tendidos eléctricos e telecomunicacións, así como unha redistribución dos espazos. A rúa segue mantendo a circulación en dobre sentido.

A maiores, creouse unha pequena praza nas inmediacións da Igrexa, que terá as funcións de espazo de acceso ao casco antigo, destacando o conxunto que forman as vivendas tradicionais e a fachada lateral da Igrexa do Sancti Spiritus.

A pavimentación desta zona executouse con lousas de granito, similar ao existente na praza do Convento, dando así un aspecto estético uniforme. Tamén as novas beirarrúas son de lousas de granito, máis amplas que as anteriores, mentres que o espazo da calzada pavimentouse con formigón lavado.

A rúa Mateo Segade é unha das principais arterias de Melide, posto que forma parte do itinerario do Camiño de Santiago Primitivo ou de Oviedo, e por ela circulan milleiros de peregrinos cada ano. Trátase dun dos principais accesos á zona vella, xa que desemboca na praza do Convento, onde se sitúan algúns dos puntos máis emblemáticos da localidade, coma a Casa do Concello e a Igrexa de Sancti Spiritus.




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp