- Novas
- Axenda
- Perfil de contratante
- Convocatorias
- Avisos e bandos
- Ordenanzas
- Melide en imaxes
- Facturación electrónica
- Pago provedores
Novas
A tarxeta Merca en Melide reactivará o comercio local no nadal
05/11/2020. O Concello de Melide a través da súa Concellería de Promoción Económica lanza unha tarxeta en apoio ao tecido social e económico da vila xunto coa colaboración de Asociación de Empresarios da Terra de Melide, ASETEM-CCA
MELIDE 5 de novembro 2020.- O Concello de Melide, en colaboración con ASETEM, lanza unha nova iniciativa para incentivar as compras e consumo nos vindeiros meses. Dentro da Campaña de Nadal que se poñerá en marcha o vindeiro 4 de decembro, a Tarxeta Merca en Melide adquirirá un protagonismo especial.
Esta Tarxeta terá un valor de 50 euros que repercutirán directamente nos negocios locais, xa que só poden ser utilizadas para facer compras de proximidade nos locais participantes na Campaña de Nadal, nun único establecemento comercial ou da hostalería. O custo para adquisición destas tarxetas será de 30 euros, asumindo o Concello unha cantidade de 20 euros por cada bono. Os veciños e veciñas interesadas en mercar esta tarxeta terán que achegarse ás instalacións de ASETEM, situada na rúa Lino Sexto Sánchez da vila.
O prazo para gastar o importe das tarxetas será do 4 de decembro e ata o 5 de xaneiro, ámbolos dous incluídos.
Xosé Igrexas, concelleiro de Promoción Económica do Concello de Melide, apunta que “esta proposta terá unha repercusión de preto de 40.000 euros no noso comercio e hostalería co que pretendemos poñer o noso grao de area para axudar a sobrelevar estes meses de perdas e incertidume para os establecementos da vila. Incentivamos con ela o consumo nos negocios locais, facendo partícipes tamén a toda a veciñanza do papel necesario de revitalización da actividade económica de proximidade”.
ESTABLECEMENTOS INTERESADOS EN PARTICIPAR
Aqueles comercios e locais de hostalería interesados en participar terán que cubrir a súa solicitude na sede de ASETEM dende o vindeiro luns 9 e ata o 20 de novembro. O listado dos participantes farase público na web do Concello de Melide e na web da Asociación de Empresarios da Terra de Melide para que os veciños e veciñas saiban onde poden canxear as súas Tarxetas Merca en Melide.