Novas

Máis novas

O Concello recibe unha subvención para a realización do Plan de acción para o clima e a enerxía sustentable (PACES)

30/09/2020. Melide forma parte do Pacto de alcaldes polo clima e a enerxía sustentable, unha iniciativa europea que pretende entre outros obxetivos mellorar a eficiencia enerxética en ámbito urbano. O Concello recibirá ao abeiro desta iniciativa un total de 6.000 euros

MELIDE 30 de setembro de 2020.-O Concello de Melide forma parte  do Pacto de alcaldes polo clima e a enerxía sustentable, o maior movemento mundial de autoridades para loitar contra o cambio climático. Grazas a esta adhesión, Melide recibirá unha subvención de 6.000 euros para a realización do Plan de acción para o clima e a enerxía sustentable (PACES).

O Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sustentable (PACES) é un documento que emprega os resultados do Inventario de Referencia das Emisións (IRE) para identificar os mellores ámbitos de actuación e as mellores oportunidades para alcanzar o obxectivo de redución de CO2 das autoridades locais. Define as medidas de redución concretas, xunto cos prazos e as responsabilidades asignadas, que traducirán a estratexia a longo prazo en accións.

A actuación proposta, entre outros obxectivos, ten como finalidade dar cumprimento a un dos compromisos adquiridos polo propio Concello de Melide no momento en que asinou a adhesión ao Pacto dos alcaldes para o clima e a enerxía. Ademais, coa elaboración do PACES, o concello tamén se compromete á redución das emisións de CO2 nun mínimo dun 40% no seu territorio para o ano 2030 respecto ao ano de referencia. Para isto, será preciso cuantificar as emisións anuais e analizar as opcións de adaptación posibles para acadar esta redución, e así seleccionar as medidas a tomar.




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp