Novas

Máis novas

O Concello apoia as reclamacións dos pais e nais do CEIP nº1 para dar solución aos problemas dunha aula ateigada

14/09/2020. A concelleira de Educación e outros membros do goberno reuníronse cos pais e a nais do alumnado de 3º de primaria do CEIP nº1 que piden desdobrar a aula na que o número de alumnado supón un risco, e en especial para catro deles que teñen enfermidades crónicas .

MELIDE 14 de setembro de 2020.- O salón de Plenos do Concello acolleu a reunión cos pais e nais do alumnado de terceiro de primaria do CEIP nº1 da vila. Este colectivo reclamou nun escrito dirixido á xefatura Territorial e ao inspector de zona o desdobre desta aula. Son un total de 25 alumnos e alumnas e apelan a “solucionar a inexistencia dun espazo mínimo vital para os nenos e as nenas”. Explican que neste nivel educativo hai alumnos e alumnas en situación de vulnerabilidade con enfermidades crónicas e incurables” que son consideradas como de risco ante a Covid-19. Indican tamén que hai outras aulas dispoñibles neste centro que poden ser empregadas.

Os representantes municipais amosaron durante a xuntanza o seu apoio ao colectivo de pais e nais e tendéronlles a man para axudalos en todo o que fose posible. A semana pasada este colectivo de pais e nais rexistrou un escrito dirixido a Xefatura Territorial de Educación e Inspección relatando a situación e pediron que se desdobrara esta aula para poder cumprir co protocolo anticovid. Ante a falta de resposta, realizaron protestas simbólicas fronte a este centro escolar reclamando que a Consellería de Educación atenda unha demanda que consideran necesaria na situación sanitaria que estamos a atravesar. 

Desde a Concellería de Educación do Concello de Melide, coñecedores desta situación polos pais e nais, amosáronlles desde o comezo a súa axuda nesta reinvindicación. Na xuntanza de hoxe acordaron seguir mantendo o contacto e a colaboración permanente, remitindo como primeira medida, un escrito dirixido ao conselleiro de Educación apoiando as peticións das nais e dos pais.




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp