Novas

Máis novas

O Concello informa á hostalería da ordenanza que teñen que cumprir as terrazas

11/08/2020. O Concello de Melide vén de informar a través dun bando das principais normas que alberga a ordenanza municipal e que teñen que cumprir as terrazas da hostalería na vila. Non poderán ocupar saídas de emerxencia ou acceso a inmobles

MELIDE 11 de agosto de 2020.- O Concello de Melide vén de informar a través dun bando informativo sobre a ordenanza reguladora da ocupación de dominio público local con terrazas de hostalería.

A través do texto, a administración local apunta que está prohibido que as terrazas dos bares e restaurantes se coloquen nos acceso aos inmobles, nas entradas a galerías visibles, nas bocas de rego e hidrantes de incendios, nas saídas de emerxencia e nas paradas de transporte público regularmente establecidas.

Tamén queda prohibido a instalación de terrazas de hostalería coa ocupación de aparellos de control de tráfico, centros de transformación, arquetas de rexistro de servizo público e sumidoiros, pasos de peóns sinalizados, zonas de xardín , calzadas con circulación de vehículos, prazas delimitadas de aparcadoiro público salvo excepcións que se describen na ordenanza.

Así mesmo, nesta nota informativa tamén apuntan que non poderá colocarse ningún elemento que dificulte a manobra de entrada e saída de vados permanentes de paso para vehículos. Prohíbse o peche lateral e da cuberta da terraza con elementos fixos, excepto toldos móbiles e separadores, cunha altura máxima de 1,50 metros nos elementos opacos.

Por outra banda, tamén se establece que poderá haber actuacións en directo nas terrazas ata as 23h da noite. Quedan prohibidas as actuacións en directo amplificadas ou con percusión, así como a instalación de equipos audiovisuais ou a emisión de son ou vídeo nos espazos e instalación da terraza, excepto autorización municipal expresa, para a ocasión. Prohíbese o almacenamento de produtos, caixas de bebidas ou outros materiais na superficie de ocupación da terraza e beirarrúa.

Así mesmo, e para finalizar, dende o Concello de Melide tamén se indica que os titulares de licenzas e terrazas terán a obriga de retirar e agrupar ao remate de cada xornada os elementos de mobiliario instalados, así como realizar os labores de limpeza necesarios.




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp