- Novas
- Axenda
- Perfil de contratante
- Convocatorias
- Avisos e bandos
- Ordenanzas
- Melide en imaxes
- Facturación electrónica
- Pago provedores
Novas
Melide aproba destinar máis de 57.000 euros para gastos sociais derivados do Covid-19
28/05/2020. O Concello celebrou un Pleno Extraordinario para a aprobación do Plan Provincial de Cooperación ás obras e servizos de competencia municipal, POS+Adicional 1/2020, da Deputación para financiar gastos derivados da crise sanitaria na vila
MELIDE 28 de maio de 2020.- Melide celebrou na mañá deste xoves un Pleno extraordinario marcado polo carácter urxente da crise sanitaria. Así, o Pleno aprobou por unanimidade de todos os partidos políticos con representación no Concello de Melide o acordo do Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de competencia municipal “POS+Adicional 1/2020” da Deputación da Coruña para o financiamento de gastos sociais extraordinarios derivados do Covid-19 cunha estimación de gasto por parte do organismo local de 57.402,78 euros.
Con este aporte económico provincial, o Concello de Melide destinará 6.000 euros ao reforzo dos servizos de proximidade de carácter domiciliario para garantir coidados, o apoio, a vinculación á contorna, a seguridade e a alimentación, especialmente os dirixidos a persoas maiores, con discapacidade ou en situación de dependencia. A mesma cantidade estará reservada para o reforzo do persoal dos centros dos Servizos Sociais Municipais e centros residenciais.
O maior montante, un total de 27.615,93 euros será utilizado para a adquisición por parte do Concello de Melide de material de protección para previr posibles contaxios.
Xa para rematar, e tal e como se deu conta no Pleno Extraordinario celebrado no día de hoxe, o Concello destina a cantidade de 17.786,85 euros para gastos imprescindibles e urxentes, que sexan debidamente xustificados, para atender a persoas especialmente vulnerables con motivo desta crise sanitaria.
PLENO EXTRAORDINARIO E URXENTE CELEBRADO NO CENTRO SOCIO-CULTURAL MINGOS DE PITA
O Pleno de hoxe a maiores do seu carácter extraordinario e urxente tivo tamén unha ubicación distinta da habitual ao celebrarse no centro Sociocultural Mingos de Pita, cumprindo así as medidas sanitarias existentes.
A veciñanza foi avisada do cambio de lugar a través dun bando informativo no que tamén se lle deu a posibilidade aos veciños e veciñas de asistir ao mesmo, cun límite máximo de 10 persoas. A sesión plenaria foi retransmitida en directo a través da páxina de facebook do Concello de Melide.