Novas

Máis novas

Concello e Asetem facilitan gratuitamente a venda on line a comercios e empresas coa plataforma Zaska!

11/05/2020. Trátase da plataforma Zaska! na que pode integrarse calquera negocio do municipio. Preto de 20 establecementos de diferentes sectores de Melide xa se deron de alta en Zaska! e arredor de 70 amosaron o seu interese por formar parte da plataforma

MELIDE 11 de maio de 2020.- O Concello de Melide vén de colaborar coa Asociación de Empresarios Terra de Melide - Centro Comercial Aberto (Asetem-CCA), co obxectivo de facilitar aos comercios e empresas da vila unha plataforma de venda en liña de forma totalmente gratuíta. “Cando se decretou o estado de alarma pensamos nunha solución deste tipo para o comercio, pero tiña que ser algo que se puidese facer xa, chegounos a proposta dos empresarios e decidimos apoiala porque era inmediata”, sinalou o concelleiro de Promoción Económica do Concello de Melide, Xosé Igrexas. “Cremos que pode ser útil porque está aberto a todos os negocios e empresas da vila e prima o produto local”, engadiu.

“Trátase da plataforma Zaska! –explicou Pilar López, xerente de Asetem-CCA– coa que xa mantivemos contacto o pasado mes de outubro. Daquela a proposta ía encamiñada a facilitar unha fonte de ingresos adicional ao comercio local, pero os recursos limitados da asociación e a falta de financiamento fixo que a iniciativa non prosperase”.

UNHA FERRAMENTA PARA TODOS OS SECTORES DA VILA

Agora, grazas a que o Concello de Melide asumiu o custo económico dos primeiros meses de mantemento, tanto a asociación de empresarios como Zaska! puideron facilitar de modo gratuíto a plataforma a todos os comerciantes e empresas da zona, sexan socios ou non de Asetem-CCA. “Para nós é unha moi boa oportunidade, sobre todo porque a plataforma Zaska! abrangue máis dunha vintena de sectores; tanto podes atopar unha xoiería como unha carnicería, e proxéctase como un escaparate ideal e máis atractivo de todos os comercios de Melide – engadiu Pilar López–, ademais de que se trata dunha plataforma que continuamente se vai estar adaptando e actualizando; é como visitar un centro comercial local, pero en Internet”, dixo.

PRETO DE 20 ESTABLECEMENTOS

A día de hoxe, en Melide hai preto de 70 establecementos de diferentes sectores interesados en darse de alta na plataforma Zaska! e arredor dunha vintena que xa o fixeron. Do mesmo xeito, actualmente en Zaska! xa se pode mercar contra reembolso e recoller pedidos en tenda, e está previsto que nos próximos días se poida facer online pola web e o móbil.

A xerente dos empresarios de Melide quixo agradecer o apoio do Concello para que a proposta saíse adiante; así como “a boa disposición de Zaska! ao querer colaborar co comercio local poñendo a plataforma ao servizo dos comerciantes de forma gratuíta nun momento tan delicado como o que estamos a vivir”.

Dende Asetem-CCA fan un chamamento a todos os negocios da vila, sexan socios ou non, para que se dean de alta na plataforma Zaska! e así poder ofrecer maior variedade de produtos. “Seriamos moito máis competitivos como pobo e, dado o caso de que houbese que volver a pechar as tendas, teriamos unha ferramenta dispoñible que nos permitiría seguir vendendo”.

SOBRE ZASKA!

Zaska! é unha solución tecnolóxica para retail e restauración. Noutras palabras, Zaska! é moito máis que unha plataforma, xa que achega distintas vías para dixitalizar ao comercio e restauración local, e conectalos dixitalmente cos cidadáns.

Dende o punto de vista do comerciante, Zaska Manager permite e facilita a xestión do día a día da súa tenda, restaurante ou negocio. Todo iso, de maneira dixital a través de SaaS (Software as a service), e aplicacións para iOS e Android. Ademais, ponlle en contacto cos seus clientes grazas ás plataformas para usuario, Zaska User, dispoñible en formato Web e-commerce, e aplicacións para iOS e Android. Dende o primeiro momento, Zaska! configurouse para respectar a independencia e costumes de cada negocio e comerciante. De feito, nos próximos días as tendas poderán ata recibir pagos a través do móbil. Isto débese a que Zaska! é un proxecto que nace no 2016 coa ilusión de chegar a todos. Actualmente, está dispoñible en cinco linguas, entre elas o galego, e ponse a disposición de todo o territorio español. Zaska! é unha solución libre, posto que entrar, permanecer e saír non ten custo ningún. Tamén é unha solución integradora e solidaria que busca ser de utilidade para todos: comerciantes, usuarios, repartidores, e no fin de contas, calquera parte envolta.




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp