Novas

Máis novas

Melide celebrará a XXIX Festa do Melindre e da Repostaría Tradicional de maneira virtual

07/05/2020. Coincidindo coa segunda fin de semana de maio, Melide celebrará a edición número 29 da Festa do Melindre e da Repostaría Tradicional de xeito virtual, ao non poder celebrarse este ano de forma presencial pola situación de emerxencia sanitaria que estamos a atravesar.

MELIDE 7 de maio de 2020.- Chega a segunda fin de semana de maio, data sinalada no calendario para a celebración da XXIX Festa do Melindre e da Repostaría Tradicional da Terra de Melide. Este ano, debido á situación de alerta sanitaria existente, a fin de semana máis doce da vila terá unha celebración diferente. Así, co domingo 10 de maio como día central da celebración, e a través da páxina de facebook da Festa do Melindre, ás 12h da mañá os seguidores e seguidoras poderán ver o pregón de Cristina Pampín, xornalista e presentadora de Televisión Española con raíces melidenses.

A programación continuará cun showcooking de Bea Sotelo, cociñeira e membro do Grupo Nove. Xa pola tarde ás 16:00h. terá lugar un café con melindre da man de Gonzalo do Club Café de Pontevedra. As 18:00h o protagonista será o mago local Dani Polo, que realizará un espectáculo de máxima co que quedaremos abraiados.

O fin de festa, as 20:00 correrá a cargo do grupo de música local Cuarta Xusta. Durante a xornada dominical todas as casas melindreiras da vila terán abertas as súas portas para poder mercar melindres, ricos e amendoados para que a segunda fin de semana de maio manteña o seu carácter doce como é habitual dende fai 30 anos.




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp