Novas

Máis novas

Os rapaces do Colexio Mestre Pastor Barral coñecen a riqueza arquitectónica e cultural da Comarca co bus turístico

30/10/2017. A experiencia farase extensible aos tres colexios da vila. Dúas técnicas de turismo do Concello de Melide adaptarán as súas explicacións aos máis cativos

MELIDE 30 de outubro de 2017.-  O colexio Mestre Pastor Barral de Melide será o encargado de inaugurar unha experiencia que dará a coñecer aos diferentes centros escolares da vila a riqueza arquitectónica e cultural a través de pequenas viaxes no bus turístico, que durante o verán percorreu os monumentos máis importantes do municipio e de concellos veciños.

Desta volta, tocaralle aos rapaces e rapazas de quinto e sexto de primaria do colexio Mestre Pastor Barral que mañá se subirán ao bus turístico do Concello de Melide para coñecer seu patrimonio arquitectónico e cultural. As encargas de achegar as explicacións ao grupo serán dúas técnicas de Turismo do Concello de Melide que contarán de xeito adaptado aos máis pequenos as claves do noso patrimonio.

A alcaldesa de Melide, Dalia García, explica que se trata dunha iniciativa conxunta posta en marcha polo Concello de Melide, dende a súa concellería de Cultura e Turismo e o colexio Mestre Pastor Barral. “Unha actividade que se fará extensible aos outros dous centros escolares que temos en Melide”, engadía a rexedora.

García apuntaba que “será unha actividade para poñer en valor o noso patrimonio cultural e arquitectónico que se une á iniciativa que tan ben funcionou o pasado verán do bus turístico, así como outras que se poñen en marcha dende o noso Concello como pode ser a guía de Melide que recentemente acaba de ser publicada en xaponés, chinés e coreano. Traballamos para que visitantes e veciños coñezan todo o que Melide pode ofrecerlles, poñendo así en valor o noso patrimonio”.

 




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp