Novas

Máis novas

Melide reivindica o papel da muller con actividades para os escolares

05/03/2020. Coa proximidade do 8M, a Concellería de Política Social pon en marcha unha serie de actividades nos colexios da vila e tamén no instituto para reivindicar o papel da muller e poñer en valor o seu traballo ao longo do paso do tempo

MELIDE 5 de marzo de 2020.- O Concello de Melide, a través da súa Concellería de Política Social, pon en marcha durantes estes días previos á celebración do 8M, día da Muller, diferentes actividades onde os protagonistas son o alumnado dos tres colexios da vila e do instituto.

Durante a mañá de hoxe o alumando o IES de Melide participou nunha actividade que levaba por noem “Aventuras literarias con nome de muller”, unha proposta para traballar os estereotipos e prexuízos sexistas no ámbito literario e artístico. Un xogo de fuga para visibilizar, coñecer e reivindicar as obras e autoras de literatura galega. Candados, mensaxes ocultas, caixas, enigmas, quebracabezas de todo tipo propios dos xogos de escape, tan de moda nos nosos días, cun relato común, simbólico e transversal.

Por outra banda, a Concellería de Política Social do Concello de Melide tamén pon en marcha dende hoxe un concurso de deseño pola igualdade, dirixido ao alumnado de terceiro, cuarto, quinto e sexto de primaria dos tres colexios da vila. Cada participante terá que presentar un deseño con temática exclusiva de igualdade de xénero e a perspectiva que teñen os nenos e nenas dela. O deseño gañador será empregado polo Concello de Melide para serigrafar bolsas de tea que serán repartidas despois nos colexios, a cantidade será equivalente ao número de participantes no concurso.

A recollida de deseños realizarase o 30 de marzo en cada colexio de Melide. A biblioteca Xosé Vázquez Pintor realizará unha exposición con todos os deseños realizados durante todo o mes de abril. Seráo 24 dese mes, cando se realice a votación que determine o deseño gañador. A entrega dos premios terá lugar a semana do 18 de maio en cada centro educativo.

Carmen Liñeira, concelleira de Política Social, explicaba que “con esta actividade preténdese colaborar activamente cos centro educativos de educación primaria que hai no noso Concello, así como fomentar  a educación en igualdade de xénero entre as nenas e nenos dos colexios”.

Será o vindeiro luns 9 de marzo, cando a radio municipal, Radio Melide, acolla unha programación especial para conmemorar o 8M, onde están convidadas a participar as persoas que traballan día a día no Centro de Información á Muller, para dar a coñecer todos os servizos que se ofrecen dende este colectivo. Tamén falarán sobre as diferentes maneiras dende o punto de cada unha de conciliar a súa vida laboral e familiar.




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp