Novas

Máis novas

O Concello reitera a petición dunha xuntanza co xefe territorial de Educación

04/03/2020. O goberno local vén de solicitar de novo e por terceira vez, unha xuntanza con Indalecio Cabana, xefe territorial na provincia da Coruña da Consellería de Educación para abordar diferentes temas de actualidade neste ámbito

MELIDE 4 de marzo de 2020.- O Concello de Melide, a través da súa Concellería de Educación, vén de remitir no día de hoxe a súa terceira solicitude de reunión co xefe territorial na provincia da Coruña da Consellería de Educación, Indalecio Cabana. A reiteración na súa misiva chega despois de que o pasado 21 de outubro e o 26 de novembro, o goberno local intentase poñer data para unha xuntanza co responsable educativo da provincia, tamén a través de correspondencia, onde non se lle respondeu.

Tal e como apuntan dende a Concellería de Educación, “nas tres solicitudes figuran os mesmos asuntos a tratar, o servizo de comedor escolar nos centros educativos de Melide que afecta ao Colexio Nº 1 e ao IES de Melide e a posibilidade da extensión do servizo ao resto dos centros educativos da vila”.

A petición por parte do Concello de Melide vén motivada polo aumento na demanda do servizo de comedor escolar e a necesidade de darlle unha resposta. “Son os motivos máis importantes e urxentes que non admiten máis dilación no tempo e é necesario abordalos xa”, apuntan dende o goberno local.

O Concello de Melide, que xa estivo en contacto con membros da comunidade educativa na vila, recolle as súas inquedanzas tales como mellorar os servizos que ofrecen para facilitar a conciliación laboral e familiar nunha vila na que todos os escolares e as súas familias teñan os mesmos dereitos. “Un asunto importante que ten que ser tratado coa dilixencia necesaria”, conclúen dende a Concellería de Educación.




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp