Novas

Máis novas

Os poemas de Rosalía de Castro saen de novo ás rúas de Melide

20/02/2020. O Concello saca á rúa os poemas de Rosalía para celebrar o día propio da escritora que será o 24 de febreiro. A iniciativa parte da Concellería de Cultura e con esta acción a veciñanza poderá ler na propia rúa os poemas da escritora

MELIDE 20 de febreiro de 2020.- O vindeiro luns, 24 de febreiro, celébrase o Día de Rosalía de Castro. Dende a Concellería de Cultura do Concello de Melide festexarase tamén este ano dun xeito especial. Os protagonistas serán os versos da autora galega que se colgarán en diferentes lonetas en diferentes balcóns do casco antigo da vila.

Serán poemas, recollidos da súa obra Follas Novas e de Cantares Gallegos os que pendurarán de diferentes fachadas dentro da zona histórica de Melide. O principal estará colgado da fachada da casa consistorial, onde, por uns días, recibirá a todos os que se acheguen ata a praza do Convento.

Cada 24 de febreiro a Concellería de Cultura do Concello de Melide pon en marcha diferentes actividades para conmemorar o nacemento da escritora galega Rosalía de Castro. Este ano e dando continuidade a unha iniciativa que se puxo en marcha anos anteriores, decidiuse sacar os poemas da escritora galega as rúas de Melide para facer partícipes a toda a veciñanza da cultura de Galicia.

ROSALÍA PROTAGONISTA NUNHA OBRA DE TEATRO EN MELIDE

Por outra banda, durante a xornada de hoxe xoves, os cativos e cativas dos tres colexios da vila achegáronse ata a casa da cultura para participar da representación “Rosalía, o lugar onde nacen as poetas” de Fina Calleja.

A representación da que gozaron hoxe os escolares melidenses é moito máis que un achegamento teatral á vida e obra de Rosalía de Castro, é un espectáculo necesario. Nesta montaxe, os nenos e nenas descubriron en Rosalía a unha rapaza alegre, forte e curiosa como eles/as, que vive, xoga e goza no país da infancia. Esta Rosalía é unha obra de muller pensada para nenas e nenos de Primaria -e para as súas familias e docentes- por unha equipa de mulleres intensamente vencelladas ao teatro de palabras.




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp