Novas

Máis novas

“Igual a nós” achega a Melide a concienciación en igualdade e contra a violencia de xénero

17/01/2020. O centro social acollerá o 29 de xaneiro unha actividade promovida polo Concello baixo as indicacións da Secretaría Xeral da Igualdade para mellorar a calidade de vida e sensibilizar na educación en igualdade e prevención da violencia

MELIDE 17 de xaneiro de 2020.-  O Concello de Melide, a través da súa Concellería de Política Social e Igualdade poñerá en marcha no centro social unha actividade que leva por nome “Igual a nós”. Durará arredor dunha hora e ademais da obra, tamén haberá unha sesión de debate e unha pequena “perfomance” coa que reflexionar sobre a violencia de xénero, unha iniciativa da Secretaría Xera da Igualdade ao abeiro dun acordo de colaboración coa FEGAMP que conta co patrocinio do Ministerio de Presidencia, Relacións coas Cortes e Igualdade.

Unha mensaxe que se lanza constantemente en relación coa igualdade e coa erradicación da violencia de xénero é a da necesidade de educar aos máis novos. Pero poucas veces se toca a importancia de traballar neses ámbitos coas persoas maiores, quizais as que teñen máis interiorizado e normalizado o patriarcado por ter nacido e medrado nunha sociedade pouco contestataria co machismo.

Neste sentido, “Igual a nós” ofrecerá un formato de representación escénica e debate-coloquio co obxectivo de afondar na participación social das mulleres de máis idade. Esta actividade terá entre os seus obxetivos mellorar a calidade de vida das mulleres; promover e sensibilizar na educación en igualdade e a prevención da violencia de xénero;  sensibilizar e concienciar as persoas para a ruptura dos estereotipos de xéneros existentes; potenciar o uso das novas tecnoloxías como ferramenta de comunicación e formación; e fomentar a participación social e o encontro entre mulleres como mecanismo de mellora da autoestima persoal e grupal.

Con duración dunha hora, o mércores 29 de xaneiro, a actividade contará das seguintes partes: unha presentación, cunha breve explicación do proceso en cada unha das súas fases; un desenvolvemento, no que se levará a cabo unha representación escénica de 30 minutos de duración, dirixida a abordar conceptos básicos de igualdade e prevención da violencia de xénero, e como eixo vertebrador empregarase as novas tecnoloxías, especialmente o uso do móbil.

Unha vez rematada a representación escénica, realizarase unha reflexión grupal de 20 minutos de duración. De seguido, establecerase un coloquio para que todas as persoas poidan expoñer as súas inquedanzas e as súas reflexións, e tamén clarificar conceptos abordados durante a representación escénica.

INSCRICIÓN ABERTA

As persoas interesadas en participar nesta actividade, que se levará a cabo no centro social o mércores 29 de xaneiro ás 17h da tarde, terán que inscribirse previamente no teléfono 981 50 57 06.




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp