Novas

Máis novas

A oficina de turismo de Melide recibe dende xullo máis de 22.500 visitantes

10/12/2019. A oficina de turismo fai balance da actividade rexistrada nestes últimos cinco meses dende a súa apertura. O 96% das visitas rexistradas foron peregrinos que percorren o Camiño Francés e o 4% restante corresponde a turistas

MELIDE 10 de decembro de 2019.- A oficina de información turística do Concello de Melide, situada na casa museo da parroquia de Furelos, vén de facer balance dos cinco meses que estivo aberta ao público neste ano 2019, dende xullo e ata novembro.

Tal e como se desprende do balance realizado polos técnicos de turismo da vila, durante este período a oficina recibiu un total de 22.552 visitantes.  Case a totalidade destes visitantes eran peregrinos do Camiño Francés (96%), xa que a oficina atópase no transcurso desta ruta de peregrinación a Santiago. O 4% restante, 824, corresponde a turistas, a gran maioría excursionistas chegados da nosa comunidade na tempada estival; tamén destacan os que viñeron de Madrid e País Vasco.

As cifras mostran que este ano houbo un forte crecemento con respecto ó ano anterior, cun incremento do 12,15%, pasouse de 20.109 visitantes no 2018 a 22.552 no ano 2019, “a cifra é moi elevada tendo en conta que este ano a oficina de información está pechada no mes de decembro” apuntan os técnicos de turismo do Concello de Melide. “Este superlativo aumento produciuse principalmente grazas ao aumento na chegada de peregrinos no mes de xullo e tamén polo importante aumento de peregrinos chegados de fora de Europa. No 2019 viñeron 1.269 visitantes do resto do mundo máis con respecto ó 2018, un forte incremento do 32,9%”, engaden.

Dende a oficina de turismo do Concello de Melide explican que “podemos destacar que houbo un importante crecemento no número de visitantes neste 2019 (+12,15%) e que principalmente foi motivado polo incremento do turismo de países non europeos (+32,9%) ao longo destes meses”.

MESES DE VERÁN VISITANTES NACIONAIS, MESES DE INVERNO EXTRANXEIROS

Tal e como se establece no balance realizado polos técnicos de turismo do Concello de Melide, tendo en conta a procedencia dos visitantes, a groso modo, podemos distinguir dous períodos distintos nestes 5 meses de apertura da Casa – Museo de Furelos:

Por un lado, nos meses de verán houbo unha maior afluencia de visitantes, sobre todo españois, xa que é o período vacacional por excelencia. Principalmente proviñeron das seguintes comunidades: Andalucía, Comunidade de Madrid, Cataluña, Comunidade Valenciana e Murcia, destacando tamén este ano os visitantes das dúas comunidades insulares, Canarias e Baleares.

Por outro lado, no segundo período da tempada descendeu progresivamente o número de visitantes, sobre todo nacionais, destacando nestes meses o incremento de peregrinos chegados de Europa e do resto do mundo. De Europa viñeron de tódolos países, aínda que principalmente de Italia, Alemaña, Francia e Reino Unido, resaltando este ano a chegada de peregrinos de Irlanda. Os peregrinos que procedían do resto do mundo repartíanse entre países como Estados Unidos, Canadá, Australia e Sudáfrica, seguidos polos países latinoamericanos, resaltando a Arxentina, Brasil e México. Mención aparte merécense os coreanos; dende Corea do Sur visitáronos moitos peregrinos e mantivéronse constantes durante os cinco meses que estivo aberta a oficina de turismo de Furelos.

MESES DE VERÁN PEREGRINACIÓN EN GRUPO, MESES DE INVERNO EN SOIDADE

Nos tres primeiros meses da tempada, que corresponde co verán, a maioría dos peregrinos veñen en grupo, familia ou parella, abarcando todas as idades e destacando o maior número de mulleres que de homes. Estes peregrinos normalmente fan o camiño coma unha experiencia máis de ocio dentro das súas vacacións, empezan o camiño principalmente dende Sarria, na maioría dos casos pernoctan en aloxamentos privados e fan máis consumo na restauración local. Tamén botan man de máis servizos adicionais, o que lles permite facer o camiño o máis cómodo posibles, tanto sexa contratando servizo de transporte de mochilas ou con coches de apoio, entre outros. A súa entrada na oficina de información turística resúmese en poñer o selo, preguntar pola parada e o horario do autobús a Arzúa, pola dirección do aloxamento que teñen reservado e onde “comer o polbo”.

Respecto aos últimos meses do ano a tipoloxía de peregrino muda, nesta época a maioría dos peregrinos fan o camiño partindo dende fóra de Galicia e principalmente camiñan en solitario. Tamén apreciouse un descenso do número de mulleres facendo o camiño, pasando a ser maior a chegada de homes, salvo no mes de outubro. Por outra banda, os peregrinos percorren o camiño dun xeito moito máis relaxado e calmado, parándose máis a observar a paisaxe, a visitar os monumentos arquitectónicos, e entran na oficina de información a preguntar as súas dúbidas respecto a orixe e historia do patrimonio cultural que van observando; en definitiva, veñen máis dispostos a apreciar todo o que rodea ó Camiño de Santiago. A motivación destes camiñantes é máis espiritual e cultural que de lecer ou deportiva, como sucede nos meses de verán. Tamén se pode apreciar que son peregrinos máis experimentados e preparados.




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp