- Novas
- Axenda
- Perfil de contratante
- Convocatorias
- Avisos e bandos
- Ordenanzas
- Melide en imaxes
- Facturación electrónica
- Pago provedores
Novas
O liderado feminino no ámbito social e político a debate en Melide
15/11/2019. O Concello de Melide a través da súa Concellería de Política e Igualdade organiza unha xornada que denomina “Mulleres Líderes” , dentro da programación da iniciativa Melide en Feminino que se desenvolve na vila dende o pasado mes de outubro
MELIDE 15 de novembro de 2019.- Como antesala á conmemoración do día contra a violencia de xénero que terá lugar o próximo 25 de novembro, o Concello de Melide dende a súa Concellería de Política Social e Igualdade xunto co programa Melide en Feminino poñerán en marcha o sábado 23 de novembro unha xornada que levará por nome “Mulleres Líderes”.
O lugar de celebración será o centro multiusos e a cita ás 10.15h. A primeira mesa redonda terá como protagonistas a Carme Adán, profesora e ensaísta, Rosa Arcos, presidenta Fademur, Carla Reyes, presidenta de Executivas de Galicia e Marisa Sánchez, emprendedora local e levará por nome “Mulleres líderes sociais”.
Ás 12.15h está planificada outra mesa redonda, que se centrará nas mulleres líderes no eido político e que contará con Carme Liñeira, concelleira de Igualdade, Política Social e Saúde do Concello de Melide, Olalla Rodil, viceportavoz parlamentar do BNG, Paula Prado, viceportavoz parlamentar do PP e Pilar Cancela, presidenta da Comisión de Igualdade do Congreso dos Deputados.
Esta iniciativa ponse en marcha como antesala á celebración do 25N en Melide e pretende facer reflexionar á poboación sobre a situación actual que viven as mulleres nos diferentes ámbitos no seu día a día.
Trátase dunha actividade que se enmarcar dentro da programación de actividades que Melide en Feminino leva desenvolvendo na vila dende o pasado mes de outubro e que inclue talleres e obradoiros subvencionados pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta e o Pacto de Estado fronte á Violencia de Xénero para fomentar o liderádego feminino.
As persoas interesadas en asistir non teñen máis que achegarse ata o edificio multiusos o sábado 23 de novembro. Entrada libre e gratuíta.
ACTIVIDADES A PROL DA IGUALDADE NO IES DE MELIDE
O IES de Melide tamén será lugar para a reflexión fronte á violencia de xénero nos vindeiros días. Melide en Feminino poñerá en marcha varios talleres cuxa protagonista será a igualdade entre ambos sexos os días 25 e 27 de novembro. As actividades irán dirixidas ao alumnado de 3º e 4º da ESO e 1º de Bacharelato, con que se traballará a promoción de liderádegos femininos, a igualdade e a eliminación de violencia. A programación inclúe obradoiros e actividades creativas para sensibilizar a rapaces e rapazas a prol da igualdade a través do trap e doutros ritmos que escoita e sigue a poboación máis nova.