- Novas
- Axenda
- Perfil de contratante
- Convocatorias
- Avisos e bandos
- Ordenanzas
- Melide en imaxes
- Facturación electrónica
- Pago provedores
Novas
Melide tínguese de negro para berrar contra a violencia de xénero
08/11/2019. O Concello de Melide adhírese á campaña “En negro contra as violencias machistas” que alcanza xa 113 concellos galegos, tres deputacións e moitos axentes sociais. Este ano como novidade, chega tamén aos centros educativos
MELIDE 8 de novembro de 2019.- O Concello de Melide, a través da súa Concellería de Políticia Social, vén de adherirse ao protocolo da campaña “En negro contra as violencias machistas” na que xa participan 113 concellos galegos, tres deputacións e axentes sociais. Este ano, como novidade, esta campaña chegará aos centros educativos das cidades e vilas que forman parte desta iniciativa.
A campaña iniciarase o 19 de novembro e estenderase ata o 25 de decembro. Dende o Concello de Melide xa contan coa colaboración da asociación de empresarios ASETEM-CCA, que fará chegar o material divulgativo a todos os seus locais asociados. Ao mesmo tempo, dende a Concellería de Política Social e Igualdade fan un chamamento a todos aqueles establecementos locais que non formen parte da patroal melidense a unirse á campaña solicitando a cartelería nas dependencias municipais.
Tal e como explica a concelleira da área de Igualdade do Concello de Melide, Carmen Liñeira, “a campaña pretende implicar a todo tecido económico, asociativo, educativo, deportivo, social e cultural, así como a toda a cidadanía, nunha resposta colectiva de rexeitamento das violencias de xénero e mais dos asasinatos machistas”. Ao mesmo tempo, engade que “tamén aposta por identificar, transmitir e incidir nos comportamentos e expresións verbais que están detrás das violencias de xénero a través do uso de materiais de campaña específicos por parte da cidadanía, empresas, establecementos comerciais e axentes sociais”.
A sinatura conxunta do protocolo de adhesión a esta campaña realizarase, aínda por determinar o día, nun acto conxunto con todas as administracións e institucións participantes nun acto na cidade de Lugo.
“MELIDE EN NEGRO”
“En negro contra as violencias” é unha acción colectiva de sensibilización social contra as violencias machistas. “Melide en negro” vestirá a vila de loito, en sinal de dor por todas as mulleres que sofren violencia, e como resposta a máis dura das súas consecuencias, a morte.
A iniciativa foi medrando ano tras anos, dende o seu nacemento no 2015, chegando a expandirse de xeito viral mesmo fóra de Galicia. Aínda que está latente durante todo ou ano, é sobre todo no mes de novembro, e no 25N –Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller–, cando a acción desprega a súa actividade de forma máis intensa.