Novas

Máis novas

Máis de 3.400 persoas visitan a oficina de turismo de Melide en outubro

05/11/2019. A oficina de turismo do Concello de Melide situada na parroquia de Furelos, vén de recibir o pasado mes un total de 3.401 visitantes na súa chegada á vila para coñecer máis da nosa gastronomía, a nosa cultura e o noso patrimonio

MELIDE 5 de novembro de 2019.- Os técnicos de Turismo do Concello de Melide veñen de facer balance dos datos que deixa o mes de outubro en canto a visitas se refire.  As cifras son as seguintes: 3.401 persoas foron as persoas que se achegaron á oficina de Turismo, situada na parroquia de Furelos no mes que vén de rematar.

Ata 31 de outubro, visitaron esta oficina un total de 3.401 persoas das cales 1.110 persoas foron españolas, 910 procedentes de diferentes países de Europa e 1.380 outros países do mundo.

Os técnicos de Turismo do Concello de Melide, destacan que no pasado mes pasaron pola oficina unha media de 110 persoas ao día. Produciuse un leve incremento (8,42%) con respecto a outubro de 2018 (264 visitantes máis). Isto debeuse principalmente ao aumento (21,92%) de visitantes procedentes do resto do mundo (248 visitantes máis que o ano pasado).

Tal e como mostra o balance dos técnicos, un terzo de visitantes son de nacionalidade española: uns 36 diarios, o que mostra o que viña acontecendo xa dende finais do mes anterior, que o número de peregrinos españois reduciuse moi considerablemente mentres que aumentou progresivamente o número de persoas procedentes de europea e principalmente doutros países do resto do mundo. Os peregrinos españois proceden en gran parte de Andalucía, nun segundo chanzo se sitúan os que veñen da Comunidade de Madrid, Comunidade Valenciana e Cataluña, e nun terceiro os que proceden das Illas Canarias e Murcia.

En canto a europeos, a media é dunhas 29 persoas ó día e veñen dende todos os puntos de Europa. Destacan os que chegan de Alemaña, cun gran incremento, e Italia; tamén viñeron moitos peregrinos de Reino Unido; e por último destacar aos visitantes procedentes de Francia e Irlanda.

Do resto do mundo a media ascende a unhas 45 persoas diarias. Ordenados por número de chegada, pódese dicir que a súa maioría son estadounidenses, seguidos por latinoamericanos (destacan mexicanos, brasileiros, colombianos e arxentinos), coreanos, canadenses, australianos, xaponeses, taiwaneses, surafricanos e chinos.

A gran novidade este ano foi a chegada dun gran número de peregrinos do Canadá, quedando por diante de países como Australia e Xapón, que tradicionalmente aportan un gran número de peregrinos.

MÁIS PEREGRINOS QUE NO 2018 E DE FÓRA DE ESPAÑA

A nivel xeral as cifras mantéñense lixeiramente máis elevadas con respecto ó 2018, continuando coa tendencia de crecemento dos últimos 5 anos. Este ano en particular estas cifras foron sustentadas polo incremento de peregrinos estranxeiros, procedentes de países de fora do continente Europeo.

En relación a este mes de outubro, percibiuse un cambio importante na tipoloxía de peregrino que entrou no punto de información situado na Casa Museo de Furelos. “Apreciouse claramente un importante descenso do número de visitantes españois, algo común nos derradeiros anos e seguramente debido ao fin do período vacacional, acompañado dun significativo incremento de peregrinos europeos e sobre todo do resto do mundo, destacando en particular o aumento dos peregrinos procedentes de case todos os puntos do continente americano”, apuntan os técnicos.

Por outra banda, estes peregrinos que escolleron o mes de outubro para facer o camiño, percorrérono dun xeito moito máis relaxado e calmado, parándose a observar a paisaxe, a visitar os monumentos arquitectónicos, en entrar nas oficinas de información a preguntar as súas dúbidas e inquedanzas sobre a nosa cultura, en definitiva, páranse máis a apreciar todo o que rodea o camiño. Nesta oficina concretamente, nótase que diminuíu o número de peregrinos que entraban soamente a poñer o selo, senón que agora detivéronse tamén a ver todas as partes da casa museo, a ler os folletos informativos, a preguntar polo bens mobles expostos, onde poden comer unha boa ración de polbo e probar os doces da nosa repostería tradicional, en definitiva, “estamos antes un visitante máis culto que quere impregnarse de todo o que rodea o camiño de Santiago e o noso país”, indican dende a Oficina de Turismo do Concello de Melide.




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp