Novas

Máis novas

Arranxadas as deficiencias de auga quente e calefacción do centro de saúde

17/10/2019. O Concello vén de subsanar algúns problemas de mantemento das instalacións municipais do centro de saúde. Ter calefacción ou agua quente eran algunhas das demandas dos traballadores e da veciñanza durante os últimos sete meses

MELIDE 17 de outubro de 2019.- O centro de saúde de Melide conta dende hai uns días con auga quente e tamén con calefacción. Eran as principais demandas do equipo de profesionais e da veciñanza que comparte esta instalación municipal no seu día a día e que levaban dende hai sete meses sen ser atendidas.

Fontes municipais indican que “era un problema de mal mantemento da instalación que tivemos que solucionar cambiando unha parte da caldeira realizando unha inversión con cartos das arcas municipais. Foron poñéndose parches dende hai anos aos danos producidos polo mal mantemento por parte da institución local que é a quen corresponde ter o centro de saúde en óptimas condicións, tanto para traballadores e traballadoras como para os veciños e veciñas que teñen que facer uso del. Foi un problema ao que nunca se lle deu completa solución dende hai anos”.

MÁIS PERSOAL PARA O CENTRO DE SAÚDE DE MELIDE

Ao igual que sucedía no pasado mes de agosto, cando o Concello solicitaba formalmente á Xerencia de Xestión Intergrada de Santiago o reforzo de persoal  tanto médico, enfermeiro como auxiliar para o Punto de Atención Continuado polo aumento da poboación da vila, o goberno local reitera a súa petición de aumento de persoal para Melide.

Os meses de outono e inverno son unha época na que se ateiga o centro de saúde e tamén as urxencias polo incremento de enfermedades gripais, polo que dende o Concello de Melide  insta de novo á Xunta de Galicia que teña en conta as demandas dos veciños e veciñas, cubrindo as baixas existentes de persoal no centro de saúde da vila para dar mellor servizo á veciñanza melidá.

O centro de saúde de Melide conta na actualidade cuns 7025 cartóns sanitarios e os últimos datos publicados apuntan a que o PAC melidense chega a atender unha media de 9.600 pacientes como cabeceira de Comarca que dá servizo sanitario tamén aos veciños e veciñas de Santiso e Toques.




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp