Novas

Máis novas

Máis de 6.500 persoas visitan a oficina de turismo de Melide en setembro

07/10/2019. A oficina de turismo do Concello de Melide situada na parroquia de Furelos, vén de recibir o pasado mes un total de 6.526 visitantes na súa chegada á vila para coñecer máis da nosa gastronomía, a nosa cultura e o noso patrimonio

MELIDE 7 de outubro de 2019.- Os técnicos de Turismo do Concello de Melide veñen de facer balance dos datos que deixa o mes de setembro en canto a visitas se refire.  As cifras son as seguintes: 6.526 persoas foron as que se achegaron á oficina de Turismo, situada na parroquia de Furelos no mes que vén de rematar.

Ata 30 de setembro, visitaron esta oficina un total de 6.526 persoas das cales 3.044 persoas foron de españolas, 1.600 procedentes de diferentes países de Europa e 1.882 outros países do mundo.

Os técnicos de Turismo do Concello de Melide, destacan que por primeira vez as cifras de setembro (6.526) superaron as de agosto (6.468), mes tradicionalmente con máis afluencia de visitantes. Incrementouse un 15,5% a chegada de visitantes neste mes respecto ao ano anterior, case 1.000 visitantes máis. Isto debeuse principalmente ao aumento de visitantes nacionais e do resto do mundo.

Pasaron pola oficina unha media de 218 persoas ao día, case a metade procedentes de España: 101 persoas diarias, aínda que cara final de mes se foi reducindo considerablemente o número de peregrinos españois en contraposición aos visitantes estranxeiros. Estes, en gran parte proceden da Comunidade de Madrid, Cataluña, Andalucía e a Comunidade Valenciana.

En canto aos visitantes europeos, a media é dunhas 54 persoas ó día. Veñen dende todos os puntos de Europa central, Francia, Italia e Reino Unido. Do resto do mundo a media é de 63 persoas diarias. A súa maioría son estadounidenses, suramericanos, coreanos, surafricanos e australianos.

Os picos de chegada de peregrinos, soen coincidir os mércores e os xoves, xa que tal e como explican os técnicos de Turismo do Concello de Melide, a maioría deles parten os luns dende Sarria para rematar o percorrido en Santiago de Compostela durante a fin de semana.




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp