Novas

Máis novas

“Melide en feminino”, actividades para a igualdade fronte á violencia machista

20/09/2019. A programación foi presentada pola concelleira de Igualdade, Carmen Liñeira, e inclue as actividades subvencionadas pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta e o Pacto de Estado fronte á Violencia de Xénero para fomentar o liderádego feminino

MELIDE 20 de setembro de 2019.- O Concello de Melide tinguirase de violeta este outono con máis de setenta actividades deseñadas para promover a igualdade entre homes e mulleres, previr a violencia de xénero, traballar a igualdade na adolescencia e dotar ás mulleres de ferramentas que lles axuden a converterse en líderes, a xestionar as emocións e a comunicarse con seguridade e solvencia.

A meirande parte destas accións forman parte do Proxecto Construindo Liderádegos femininos respaldado económicamente pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia e por fondos do Pacto de Estado fronte á Violencia de Xénero. A programación foi presentada pola concelleira de Igualdade Carmen Liñeira, quen invitou a todas as mulleres de Melide e da súa contorna, de todas as idades, a participar nestas actividades “pensadas e deseñadas para ser úteis ás mulleres cara ao seu desenvolvemento persoal, laboral, familiar e social”. Unha programación que inclúe obradoiros de empoderamento e liderádego feminino, de comunicación, de xestión de emocións e de economía.

As actividades son gratuítas previa inscripción nos servicios sociais do Concello de Melide. As sesións serán dous días por semana ás cinco da tarde e será posible anotarse a todos os obradoiros ou só aos que resulten de interese para cada muller. Os módulos son participativos e inclúen presentacións, xogos, debates e mesmo sesión de baile.

TRABALLO TAMÉN CON ADOLESCENTES

Mención aparte merecen os obradoiros dirixidos a traballar con adolescentes que se impartirán co obxectivo de traballar a promoción de liderádegos femininos, a igualdade e a eliminación de violencia. A programación inclúe obradoiros e actividades creativas para sensibilizar a rapaces e rapazas a prol da igualdade a través do trap e doutros ritmos que escoita e sigue a poboación máis nova.

Haberá, tamén, espazo para escoitar e compartir unha Xornada con “Mulleres líderes”, que se desenvolverá o 23 de novembro, na que se terá a oportunidade de contar coa presencia de mulleres líderes en distintos ámbitos sociais: política, empresarial, deportiva, medios de comunicación, etc..

Serán dous meses de actividades a prol da igualdade que van convertir o Concello de Melide nun faro violeta. Poderáse atopar información de todas elas (contidos, horarios, testimonio gráfico, novas) a través das redes socias específicas do programa (facebook e twitter) “Melide en feminino” @MelideEnFeminino, nas redes socias do Concello ou no teléfono de Servicios Sociais 981 505 706.




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp