Novas

Máis novas

Rematar co feísmo das construcións e o PXOM, prioridades do goberno

17/09/2019. O Concello márcase como prioridade do novo goberno rematar co feísmo nas construcións, xa que na actualidade existen moitos edificios inacabados, en mal estado ou abandonados polo que é necesario a toma de decisións nesta materia

MELIDE 17 de setembro de 2019. Nunha xuntanza de traballo entre o alcalde de Melide, José Manuel Pérez e o primeiro tenente de Alcalde, José Antonio Prado, ambos titulares da área de Urbanismo, estableceron as liñas principais de actuación nesta materia para o novo equipo de goberno.

Poñer fin ao feísmo na vila no relativo ás construcións sen rematar, as mal conservadas ou as que están en estado de abandono, serán das primeiras actuacións que se levará a cabo dende a área de Urbanismo. Para poñer fin a estes feitos será necesario, tal e como apuntan dende o ente local “elaborar un inventario e posteriormente emitir as medidas executivas orientadas ao remate e a boa conservación das construcións”.  Engaden que “é necesario rematar  co feísmo que producen estas construcións para a vila, proxectando sobre ela unha imaxe de abandono e un posible risco na seguridade dos veciños e veciñas”.

ACTUALIZACIÓN DO PXOM

José Manuel Pérez eJosé Antonio Prado, sinalaron a necesidade de actualizar o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), e afirman que “o novo equipo de goberno ten que tomar a iniciativa neste ámbito, xa que non nos beneficia que teñamos que rexernos por unhas normas subsidiarias do ano 1994, temos que ser capaces de dar resposta ás necesidades de ordenación e desenvolvemento dunha vila como é Melide”.

O Concello de Melide estudará cal é o mellor xeito de ter unha normativa urbanística actual e para iso, avalarase nos informes técnicos municipais para decidir cal é a opción máis axeitada: ben volver a iniciar unha adxudicación para a nova redacción do PXOM ou continuar co proceso iniciado o 17 de novembro de 2004, paralizado nos últimos 8 anos e do que se levan pagados das arcas municipais 144.617,60 euros ao equipo redactor cun custo total de 243.739,20 € IVE incluído.

“A redacción iniciada no ano 2004 tería que ter rematado a finais do ano 2013 pero a falta de vontade política de anteriores gobernos, fai que hoxe Melide non teña un PXOM actualizado cos prexuízos que elo implica. É unha norma básica e fundamental para que a vila medre, Melide leva perdido dúas lexislaturas dende o 2011 en materia de urbanismo pola falta de interés dos seus políticos”, conclúe José Antonio Prado, primeiro tenente de Alcalde do Concello de Melide.




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp