Novas

Máis novas

O I Mercamelide no Camiño celebrarase no cantón de San Roque

01/08/2019. A feira de oportunidades do comercio melidense, o Mercamelide, chegará este verán á vila cargada de novidades. As datas de celebración serán o 9 e 10 de agosto e o lugar onde se instalarán os stands será o cantón de San Roque

MELIDE 1 de agosto de 2019.- Melide acollerá a súa tradicional feira de stocks de verán, este ano baixo o nome I Mercamelide no Camiño, que virá cargada de novidades, tanto para os establecementos participantes como para a veciñanza e os visitantes que se acheguen a gozar dela.

O I Mercamelide no Camiño presentouse aos medios de comunicación durante a mañá de hoxe por parte de Xosé Igrexas, concelleiro de Promoción Económica e Pilar López, xerente da Asociación de Empresarios da Terra de Melide CCA-ASETEM.  Igrexas explicou que “o cambio de localización do Mercamelide cremos que vai ser todo un acerto, proba diso o incremento de participantes en comparanza á mesma feira organizada o ano pasado. Pretendemos dinamizar o noso comercio local, darlle un pulo e incentivar un dos factores máis importantes na nosa vila como é o comercio de proximidade”.  Pola súa banda, Pilar López, xerenta de CCA-ASETEM apuntou que “os nosos comerciantes están moi ilusionados con esta iniciativa innovadora e pioneira na vila”.

O I Mercamelide no Camiño celebrarase os días 9 e 10 de agosto, venres e sábado e terá como punto neurálxico da actividade o cantón de San Roque, en pleno camiño peregrino. Tal e como explicaron hoxe en rolda de prensa, “o cambio de localización foi unha decisión moi ben acollida por parte dos comerciantes locais que incrementaron a súa participación nesta feira de verán. Este ano, o mercamelide contará con 23 participantes fronte aos 14 do ano 2018 neste mesmo período”.

A feira de oportunidades melidense celebrarase o venres 9 de agosto en horario de 17h a 22h e o sábado día 10, dende as 11h ata as 20h de maneira ininterrumpida ao longo de todo o día para facilitar as mercas a veciños e visitantes.

NOVIDADES NOS SECTORES PARTICIPANTES
Como en edicións anteriores están confirmados stands de sectores moi variados. Son un clásico dos mercamelides os postos de calzado, téxtil, menaxe, alimentación, moblerías, etc. Este ano como novidades participarán na feira de stocks melidense establecementos de iluminación, novas tecnoloxías, seguros e incluso beleza.

SORTEO DE 90 EUROS NAS REDES SOCIAIS
Este mercamelide sorteará un premio de 90 euros para aquelas persoas que participen activamente a través das redes sociais. Aqueles e aquelas que queiran optar ao agasallo económico terán que subir as súas fotos ás redes sociais etiquetando as contas de ASETEM-CCA e co hagtag #Mercamelide.

CONCERTOS PARA REMATAR A XORNADA DE MERCAS
Paralelamente ao I Mercamelide no Camiño, Concello de Melide e ASETEM, organizan unha completa programación de actividades para fomentar e animar a xornada de compras na vila.  Así durante a tarde do venres animarán a feira de oportunidades Palla@s, e o sábado será a quenda de Os Monifates, que dinamizarán as compras en Melide.

Tanto o venres como o sábado poñerase o punto final ás xornadas de compras en Melide con actuacións musicais. O venres 9 de agosto a cita será co músico Roi Casal  no parque Rosalía de Castro ás 22h, e o sábado 10 de agosto, será o turno dos grupos The Cerne e Strobos, na praza do Convento ás 22h. Todas as actividades serán gratuítas.




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp