- Novas
- Axenda
- Perfil de contratante
- Convocatorias
- Avisos e bandos
- Ordenanzas
- Melide en imaxes
- Facturación electrónica
- Pago provedores
Novas
“Melide Informa” conta cunha nova sección para a participación da veciñanza
10/07/2019. “Melide Informa” conta cunha nova sección para facilitar a participación da veciñanza no día a día do Concello. Contan dende o goberno local que “é o primeiro paso de cara a un goberno que incrementará a participación cidadá”
MELIDE 10 de xullo de 2019.-A aplicación móbil do Concello “Melide Informa” vén de incorporar unha novidade á plataforma para facilitar o tránsito de información non só entre o organismo local e a veciñanza, tal e como sucedía ata o momento, senón tamén entre a veciñanza e o ente público.
Así, a través da sección “Comunica”, situado na marxe esquerda da aplicación, os veciños e veciñas de Melide poderán informar en tempo real das incidencias que se produzan no propio Concello. Mediante un menú sinxelo, os usuarios e usuarias de “Melide Informa” poderán enviar situacións acontecidas na vila que convén arranxar, adxuntar imaxes e incluso de activar a xeolocalización para esta app, enviar o punto exacto dos feitos co fin de que poidan ser solucionados o antes posible. Ao mesmo tempo, tamén se poderán achegar propostas para as diferentes áreas municipais do goberno.
Dende o goberno local explican que “deste xeito teremos unha comunicación continua e permanente cos veciños e veciñas. Eles poderán estar ao día de todo o que acontece en Melide a través do seu terminal móbil, pero nós tamén utilizaremos esta canle para poñernos ao día de todos as incidencias que se producen na vila a diario e que moitas veces por descoñecemento se demora o seu arranxo no tempo”. Puntualizan que “a posta en marcha deste servizo non ten máis obxetivo que contar cunha nova vía para facer máis eficaz e eficiente a nosa xestión como goberno ao servizo dos veciños e veciñas”.
MÁIS DE MIL USUARIOS E USUARIAS DE “MELIDE INFORMA”
A aplicación conta xa con 1.005 descargas en terminais móbiles, 913 en usuarios Android e 92 persoas con terminais IOS.
“Melide informa” é unha aplicación moi sinxela e está estruturada de forma que o veciño ou veciña poida configurala e usala dacordo coas súas necesidades ou intereses. Esta ferramenta, envía á veciñanza notificacións emerxentes e instantáneas aos seus terminais móbiles sobre cinco categorías: cultura e ocio, horarios, servizos, novas e información xeral. Unha información que se complementa cunha axenda de actividades e cunha lista telefónica e agora coa nova sección Comunica.
APP “MELIDE INFORMA”
A APP pode descargarse totalmente de balde na tenda de aplicacións de Google Play (buscando polo nome "Melide Informa") para os usuarios e usuarias da plataforma Android ou na App Store (procurar "Bandomovil") para os dispositivos con IOS de Apple. Unha vez descargada esta a aplicación de “Bandomovil” nos móbiles con sistema operativo IOS, bastará con seleccionar “Melide Informa”.