Novas

Máis novas

O Concello de Melide realiza traballos de mantemento na piscina descuberta

06/07/2019. Co fin de preservar a seguridade e cumprir coa normativa vixente, o actual equipo de goberno leva a cabo durante estas semanas os traballos necesarios para poder abrir a instalación durante este verán con todas as garantías

MELIDE 6 de de xullo de 2019.- O Concello de Melide vén de anunciar o retraso da apertura das piscinas municipais, situadas na área recreativa do río Furelos, debido á falta de mantemento das instalacións.

Ao longo desta semana, despois de avaliar os diferentes problemas por parte do actual equipo de goberno, estanse a levar a cabo diferentes traballos de mantemento e arranxo de distintas deficiencias.

O actual goberno de Melide, encabezado por José Manuel Pérez, explica que “tomamos posesión o 15 de xuño, e o primeiro que atopamos enriba da nosa mesa foi un informe de sanidade onde indica que non se poden abrir as piscinas municipais de Furelos por falta de mantemento e deficiencias”.

GARANTIR A SEGURIDADE E CUMPRIR COA NORMATIVA

O Concello de Melide avaliou todos os informes feitos ata o momento con respecto á situación actual das piscinas municipais de Furelos. Co fin de garantir unha infraestrutura básica para o lecer e tempo libre de todos os veciños e veciñas da vila e tamén visitantes que se achegan a Melide durante a época estival, realiza durante estes días melloras na instalación para garantir a seguridade de todos os usuarios e usuarias e tamén para cumprir coa normativa vixente.

“Sería moi irresponsable pola nosa banda privar á veciñanza da utilización dun servizo tan demandado nos meses de xullo e agosto. Retrasaremos a apertura das piscinas descubertas municipais por causas alleas ao goberno local, pero contaremos con esta instalación en óptimas condicións cando rematen os traballos de mantemento”, apuntan dende o goberno municipal de Melide.

Dende o Concello de Melide piden desculpas a toda a veciñanza polas molestias que o mantemento deste servizo poida ocasionar. “Tan pronto como se den as condicións de seguridade e sanidade para poder gozar da instalación quedará aberta ao público”. 




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp