Novas

Máis novas

Comezan as actividades de jumping, hipopresivos e exercicios en suspensión dentro das Escolas Deportivas e Culturais Municipais de Melide

06/11/2017. Son as actividades novidosas que o Concello de Melide incorporou este ano e debido á alta demanda por parte dos veciños viuse na obriga de ampliar os grupos para dar cabida a todas as solicitudes

O Concello de Melide poñerá en marcha esta mesma semana as actividades de jumping, hipopresivos e exercicios en suspensión. Trátase de tres actividades novas que o Concello de Melide incorporou ao seu abano de posibilidades dentro das Escolas Deportivas e Culturais Municipais.

A excepción da actividade de jumping, tanto hipopresivos como exercicios en suspensión, aínda teñen prazas libres, polo que aínda é posible inscribirse achegándose ao departamento de Cultura e Deportes do Concello de Melide.

A alcaldesa de Melide, Dalia García, amósase satisfeita pola boa acollida que tiveron as tres actividades novas que se puxeron en marcha e explica que “continuaremos traballando para dar cabida ás demandas dos nosos veciños e veciñas, sempre na medida das nosas posibilidades”. Engadía que “as Escolas Deportivas e Culturais Municipais do Concello de Melide ofrecen alternativas saudables á nosa veciñanza que teñen na programación destas actividades unha maneira de socializar, de encher o seu tempo de ocio practicando deporte na súa vila”.

HORARIOS E LUGARES

A actividade de hipopresivos ten lugar no polideportivo da Martagona en dous grupos: o primeiro en horario de 20h a 21h os luns e os mércores e o segundo os martes e xoves de 20h a 21h. A actividade de jumping lévase a cabo no ximnasio do IES de Melide os luns e mércores de 21h a 22h e para o segundo grupo a cita é de 22h a 23h. Finalmente a actividade de exercicios en suspensión desenvólvese os luns e mércores de 21h a 22h e de 22h a 23h no polideportivo da Martagona da vila.




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp