Novas

Máis novas

Máis dun centenar de nenos e nenas inscritos nos campamentos de verán

28/06/2019. Os campamentos urbanos do Concello de Melide superan este ano todos os récords con máis de cen nenos inscritos de diferentes idades que acudirán cada día ao CEIP Número 1 de Melide para participar nas diferentes actividades

MELIDE 28 de xuño de 2019.- Serán un total de 112 nenos e nenas os que gozarán dos campamentos do Concello de Melide este verán. Farano distruibuidos en diferentes semanas dende o vindeiro luns 1 de xullo e ata o venres 9 de agosto.  Esta cifra, pode ir en aumento segundo vaian pasando as semanas, xa que o Concello ofrece a posibilidade de realizar as inscricións por semana e polo tanto o prazo está aberto ata a última semana de actividade.

Este ano, ofrécense dúas alternativas. Por unha banda, a que se denomina “Verán de aventuras” para nenos e nenas con idades comprendidas entre os 3 e 15 anos onde se traballará especialmente a creatividade dos cativos.  Pola outra, un campus deportivo para nenos e nenas con idades comprendidas entre os 8 e 15 anos. Será unha actividade dirixida á practica da maior variedade posible de xogos e modalidades deportivas aproveitando as vacacións estivais dos adolescentes. Co desenvolvemento desta alternativa deportiva búscase evitar o sedentarismo e fomentar os valores asociados ao deporte como a convivencia, a tolerancia, a vida saudable, etc.. facendo uso das infraestruturas deportivas e contorno natural de Melide.

FACILITAR A CONCILIACIÓN LABORAL E FAMILIAR
Trátase dunha alternativa que se ofrecen dende o Concello de Melide para facilitar a conciliación laboral e familiar durante os meses de verán, cando é habitual que os pais e as nais teñan que seguir coa súa rutina laboral, mentres os rapaces e rapazas gozan das súas vacacións de verán.

O horario dos campamentos son de 8.45h e ata as 14.15h.  de luns a venres, a excepción de dous días, o 16 de xullo, festa do Carme, festivo local en Melide e o 25 de xullo, día do Apóstolo, festivo autonómico.

A actividade levase a cabo no pavillón polideportivo do CEIP Número 1 de Melide, nas instalacións do edificio multiusos, nos polideportivos do IES e da Martagona.

As persoas interesadas en realizar a inscrición no campamento de verán da vila poderán facelo poñéndose en contacto co departamento de Cultura do Concello de Melide.




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp