- Novas
- Axenda
- Perfil de contratante
- Convocatorias
- Avisos e bandos
- Ordenanzas
- Melide en imaxes
- Facturación electrónica
- Pago provedores
Novas
Herba Grileira celebra o seu X aniversario cunha xornada chea de actividade
20/06/2019. A música e o baile tradicional encherán as rúas de Melide este sábado 22 de xuño dende as 12 da mañá ata as 10 da noite. Cunha programación ao longo de todo o día, grandes e cativos gozarán da cultura e música tradicional na vila
MELIDE 20 de xuño de 2019. Herba Grileira cumpre 10 anos e vaino celebrar por todo o alto. Co gallo de tan especial acontecemento organizou para este sábado, 22 de xuño, unha xornada repleta de actividades que encherán a vila de música e baile tradicional.
A programación dará comezo cun percorrido musical a cargo do alumado da escola de Herba Grileira. Arrincará ás 12 no Parque Rosalía de Castro e rematará ás dúas na Praza do Convento, pasando polos seguintes lugares: Cruceiro de San Roque, Cantón de San Roque, A Moa, Praza das Ichoas, Praza do Pozo Pequeno e Alhóndiga. En cada un destes puntos interpretaranse pezas instrumentais tradicionais, de canto e diferentes bailes. Neste percorrido participarán máis de 120 persoas entre cativos e adultos.
A continuación celebrarase un xantar de confraternidade no Hotel Carlos 96 ao que asistirá o alumnado, socios e familiares. Finalizada a sobremesa, retomarase a actividade no Cantón de San Roque cun espectáculo infantil a cargo de Pakolas que dará comezo ás 6 da tarde. Unha hora despois chegará a parte máis festeira da xornada cos concertos de Comando curuxás e Pablo Esqueira e Tonecho Castelos.
Herba Grileira convida a participar das actividades desta xornada, pois quere abrir a toda a veciñanza de Melide a celebración do seu décimo aniversario e que este sábado sexa “un día de festa na vila, no que a música e a alegría sexan as protagonistas e todo o mundo que queira acompañarnos o pase ben”.
En caso de choiva, as actividades trasladaranse á casa da cultura.