- Novas
- Axenda
- Perfil de contratante
- Convocatorias
- Avisos e bandos
- Ordenanzas
- Melide en imaxes
- Facturación electrónica
- Pago provedores
Novas
Premio sostible para todos os 800 participantes na Media Maratón Os 21 do Camiño
13/06/2019. Oitocentas árbores autóctonas serán entregadas a cada participante na meta da Media Maratón Os 21 do Camiño que organiza a Asociación Deportiva Cerne Melide para este próximo sábado 15 de xuño. É unha das principais novidades
MELIDE 13 de xuño de 2019.- A VII edición da Media Maratón “Os 21 do Camiño” celebrarase o vindeiro sábado 15 de xuño. Será unha xornada na que a ademais de desputarse a proba deportiva se leven a cabo iniciativas saudables e sostibles.
A principal novidade desta edición será a entrega de árbores autóctonas galegas a cada participante na carreira. Trátase dunha acción que se leva a cabo dende e Asociación Deportiva Cerne Melide coa colaboración da Consellería de Medio Ambiente. O que se pretende é que cada corredor plante a árbore que se lle entrega en meta para así, entre todos os participantes axudar a renovar a masa forestal de Galicia, tan castigada nos últimos tempos polos incendios.
Esta iniciativa sostible, compleméntase coa participación na proba na listaxe de “Eventos con buen ambiente” nos que ten presencia Coca-Cola e que contén unha serie de recomendacións para minimizar o impacto negativo ambiental e social deste tipo de acontecementos. Ángel García, presidente da Asociación Deportiva Cerne Melide, explicaba que “eliminaremos todo tipo de bolsas de plástico que antes utilizábamos e teremos máis puntos limpos de recollida. É a nosa maneira de contribuir a mellorar o Medio Ambiente”.
Na súa compoñente solidaria, tamén se realizará unha recollida de tapóns de plástico que irán a parar á Asociación Tapones Solidarios, como xa acontecía o ano pasado.
O Concello de Melide trasladou ao colectivo organizador a noraboa polo traballo realizado ata este momento e por ter planificado de novo este ano unha nova edición desta proba deportiva que xa leva varios anos sendo recoñecida como a Mellor Medio Maratón de España por Runedia. Fixo especial fincapé na integridade da proba xa que “nun só día se dinamiza de xeito cultural, deportivo, económico e gastronómico tanto a vila de Palas de Rei como a de Melide”. Reiteraba os seus parabéns un ano máis xa que “o que comezou como un proxecto de amigos volve a esgotar as prazas para participantes dous meses e medio antes da carreira. Unha situación que demostra que o traballo está ben feito”.
MÁIS DE CEN VOLUNTARIOS E VOLUNTARIAS
A Media Maratón OS 21 do Camiño contará con máis de 100 voluntarios e voluntarias que se desprazaran por todo o percorrido e que servirán de axuda e de guías aos participantes na carreira.
CARREIRA CON 800 INSCRITOS
A Media Maratón “OS 21 do Camiño” conta este ano con 800 inscritos entre os que se atopan coñecidos do mundo do running como Elías Domíngez, Akka Essaadaoui, María Jesús Gestido ou o corredor local Anxo Castro entre outros.
O percorrido será o mesmo que anos anteriores, partirase da praza do Concello de Palas de Rei ás 18.30h e chegarase ao Cantón de San Roque de Melide, trascurrindo a maior parte do treito polo Camiño de Santiago que une as dúas localidades.
MELINDRES DE MELIDE PARA REPOÑER FORZAS
Como sucede cada ano, o corredor terá tamén por parte da organización un pequeno agasallo doce para repoñer forzas. Non faltará nesta edición a gastronomía melidense, os doces típicos de Melide, os melindres, agardarán aos corredores no cantón de San Roque, ao pé de meta. A repostaría tradicional de Melide tamén poderá ser degustada polo público asistente ao final do percorrido.